Faltou Manel Navarro

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

ESPAÑA

16 may 2017 . Actualizado ás 04:00 h.

Manel Navarro, que fixo un ridículo histórico no festival de Eurovisión, levouse de rúa o debate de onte. Porque o que se celebrou en Ferraz adoeceu de viveza e espectáculo e foi incapaz de sorprender a quen o seguiron. Se a maioría dos mortais quedamos como estabamos, coas mesmas dúbidas e as mesmas certezas, aos socialistas que votarán o vindeiro domingo non lles debeu de achegar gran cousa; entre outros motivos porque, como bos militantes, saben desde hai tempo a quen apoiarán.

Cada participante cumpriu co agardado. Sánchez afeando a conduta de Díaz e os seus polo apoio a Rajoy. Susana, tamén afeando os malos resultados de Sánchez e lanzando dardos envelenados como o «non mintas, cariño». E o tranquilo de Patxi López tratando de superar o papel de invitado molesto e intentando pór paz e acougo cos mesmos argumentos cos que o faciamos no patio dos maristas. Non nos pelexemos entre nós que os inimigos son os dos escolapios, diciamos.

O encontro deixou, polo menos, un par de conclusións claras. A primeira, a existencia de dous relatos diferentes e contrapostos do pasado. E, segunda, os dous proxectos de futuro antóllanse irreconciliables. E entre un e outro tivemos que escoitar perlas como que o PSOE é un partido de esquerdas, os socialistas facemos o que dicimos, temos que camiñar xuntos e quero un PSOE máis unido onde se respecte o debate. Que, ben mirado, non deixa de ser unha antoloxía de trolas.

O ben que tería quedado Manel Navarro no debate socialista. Porque o tería gañado de rúa. Con galo e todo.