Ilusión por unha educación máis próxima

s. c. REDACCIÓN / LA VOZ

EDUCACIÓN

ROI FERNANDEZ

02 may 2017 . Actualizado ás 11:11 h.

Os institutos de FP foron durante moitos anos estación termini para mozas sen unha vocación clara, con problemas de aprendizaxe ou malos estudantes. A Lei Xeral de Educación (a de EGB) obrigaba aos alumnos que non rematasen os estudos básicos a cursar a FP1 de forma obrigatoria, aínda que iso apenas se cumpría. Coa Logse comezou a súa reciclaxe, e agora moitos se dedican só á formación profesional e outros combinan esta etapa con ESO e bacharelato. O Francisco Daviña Rey de Monforte é destes últimos, un centro que se esforza en ofrecer aos seus alumnos -maioritariamente procedentes de Bóveda e Pobra de Brollón- unha educación atractiva desde o primeiro curso.

No centro hai dúas liñas (dúas aulas por curso) de ESO, bacharelatos de Ciencias e de Humanidades, cinco ciclos de FP de grao medio e un de FP de grao superior. Situado nun antigo instituto laboral, as instalacións, que se asoman ao río Cabe, acollen a uns 400 alumnos e 51 docentes, que están conectados con familias e Xunta a través dunha nube. É un dos seus servizos de máis éxito: na web hai colgadas desde as notas ou as incidencias do alumnado ata os criterios de avaliación, exercicios e apuntamentos.

O equipo profesional, dirixido por Isaac González, tamén destaca a súa pioneira materia de Robótica, con Amancio como mestre imprescindible, que hoxe se nutre de dúas impresoras 3D que usan os estudantes de bacharelato que escollen esta optativa. «Nós sempre estivemos atentos ás novidades». Dio María Jesús Casado, coordinadora de proxectos e incansable mestra. Desde que a Xunta puxo en marcha Proxecta -que aglutina proxectos tipo para que os centros teñan unha base de traballo-, apuntáronse sempre: un ano foi o consumo, outro os incendios, despois as emprendedoras nas TIC para seguir coa mobilidade sostible e segura, e, este ano, a alimentación saudable.

O proxecto actual aínda acaba de comezar, así que é difícil saber en que quedará. O do curso anterior traduciuse na creación de varios trípticos con diferentes rutas por Monforte -con tempo de realización estimado-, e que hoxe se poden atopar nunha barbería ou no centro de saúde. Mesmo crearon unha app coas farmacias de garda que se actualiza co Colexio de Farmacéuticos, e que é moi utilizada na localidade. Neste proxecto traballaron todos os alumnos de ESO e bacharelato, e os departamentos de Matemáticas, Informática e Educación Física; o resto, de forma puntual (como os de linguas). E sempre, cada ano, os profesores do máster.

Os alumnos, en función da súa idade, deseñaron as rutas (que percorreron previamente por grupos), calcularon os tempos de cada trazado, analizaron as pendentes do terreo e montaron os gráficos. Os de bacharelato trasladaron toda a información á Wikipedia en varios idiomas (galego, inglés, catalán e castelán) sobre Metrominutos. Gañaron un dos premios Proxecta da Xunta.

Outro ano, o traballo sobre os incendios forestais deulles un premio nacional pola súa vinculación ás TIC, e agora ampliaron as súas colaboracións cun colexio de Barreiro (Portugal) e outro de Canarias.

 Este ano, «Comacinco»

Integral. Oito materias

É o proxecto deste ano, Comecinco, e fala de hábitos de alimentación saudable. Están involucrados sete profesores de oito materias (dos departamentos de Bioloxía, Matemáticas e Educación Física) e alumnos de ESO e bacharelato. Forma parte do programa Aliméntate ben do Plan Proxecta da Xunta.

Colaborativo. «Os de primeiro de bacharelato fixeron bocadillos con nós»

Os alumnos de 1.º de ESO traballaron cos de primeiro de bacharelato nun dos capítulos que máis lles gustou no que vai de curso: Bocachef. Tratouse de preparar un bocadillo do que tiñan que analizar os seus nutrientes. «Agora tomo máis verduras», recoñece Manuel, de 1.º de ESO, para quen foi importante que «os de primeiro de bacharelato fixeran bocadillos con nós».

En directo. «Non volvo comer salchichas, iso xa o sei»

En Bioloxía de 1.º de ESO, os alumnos viron como reaccionaban os embutidos á detección de almidón. Marcos, Nerea, Antía, Raquel e Verónica lembran con espanto o líquido negro en que se convertía a súa comida preferida. «Non volvo comer salchichas de bote, iso xa o sei», di un dos alumnos. «Paseime ao chocolate e ao xamón de merenda», engade outro.

Práctico. «Debería camiñar máis»

Candela analizou a súa forma de vida: horas de soño, sentada e movéndose: «Vexo que teño unha vida moi activa, a verdade», mentres que Claudia, a súa compañeira, recoñece que quizais «debería camiñar máis». Os alumnos de 2.º de ESO analizan a súa día a día e toman decisións.