Sóltache o corpo coa antigimnasia

ANA MONTES

EDUCACIÓN

CEDIDAS

A antigimnasia non é cousa de vagos, aínda que os seus movementos (sinxelos, precisos, pouco correntes pero potentes) non sirvan para pórse cachas. Esta eficaz pedagoxía permite resetear o corpo e facernos con el para harmonizarnos plenamente. Despois do primeiro trimestre, a práctica non esixe asiduidade e o traballo feito nunca se perde.

17 abr 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Non é a negación doutros deportes nin unha terapia ou unha actividade deportiva. A antigimnasia ou antigym é unha pedagoxía corporal para recuperar, equilibrar, energizar, reeducar e soltar todas as tensións do, a miúdo, maltreito corpo que creemos controlar e que nos deixa de saldo unha percepción del equivocada e funcionalidade limitada. Pero a antigimnasia non vai de charla. Hai que pórse deportivos, tirarse ao chan -se o require o instrutor-, concentrarse nas indicacións que nos guiarán en movementos sutís pero profundos, e dedicarlle só unha hora e media á semana durante un trimestre.

Neste tempo, o corpo terá empezado a soltarse, equilibrando os acortamientos e alongamentos dos seus músculos e tendóns para continuar, se se desexa, aprendendo ao seu ritmo. Porque como é intelixente, segundo vaia procesando, irá integrando movemento tras movemento. «Hai que darlle tempo pero o traballo nunca se perde», comenta Ana Piñeiro que é formadora nacional desta pedagoxía con 40 anos e máis de 70 instrutores en España. Por iso, non ter tempo para practicar a antigimnasia non vale como escusa. Podes facela cada quince días, unha vez ao mes ou mesmo durante unha fin de semana ao ano.

Pero ser un asiduo ao deporte non che fará só estar en forma. Resetear o teu corpo e pólo a ton é outra cousa. Pasa por un traballo muscular profundo, que nada ten que ver con machucarse facendo repeticións nin centrase nun bloque muscular. De feito ás veces integra movementos insólitos como meterse os dedos na boca e tirar dela, percorrer coa lingua o interior dos pómulos ou xuntar os pulgares dos pés. ¡E ata costa! É un traballo en cadea no que todas as partes do noso corpo están conectadas. Por iso, sen límite de idade nin condición física, pode ser tamén beneficiosa para recuperar o ton e o rendemento de alguén que fai deporte ao usar a musculatura na súa totalidade o que aumenta a vitalidade e enerxía porque o gasto enerxético é menor, explica Ana Piñeiro, que tamén destaca o seu labor preventivo «porque hoxe o que queremos todos é estar ben».

As razóns do corpo

Acontecementos esquecidos, un accidente, un susto, unha lesión, unha enfermidade ou ata unha sorpresa van conformando ese mapa oculto que o organismo si lembra e ao que se ha ir adaptando porque «o corpo ten as súas razóns». Parafraseando o título do libro que a fisioterapeuta francesa Thérèse Bertherat escribiu en 1976 sobre este protocolo de traballo corporal baseado na biodinámica, o noso corpo vai acumulando moitas razóns para ir dobregándose.

Todas as molestias que temos no día a día veñen de tensións musculares. Soltándoas, todo empeza a funcionar mellor: a dixestión, a circulación, a linfa, os órganos internos... A enerxía, ao circular mellor, disolve os bloqueos dos músculos que están contraídos. Tamén o noso sistema nervioso central, aliviando, entre outras cousas, o estrés. Ademais sóltase a cadea muscular posterior, que Bertherat chamou «o tigre» polo exceso de forza que exerce sobre a cadea dianteira inhibindo todos os seus músculos, como os do ventre, que inutilmente intentamos domesticar con abdominais cando tamén este forma parte dun todo que a antigimnasia pon no seu sitio.