A folga de Renfe afecta a 15 rutas galegas de media distancia

S. C.

ECONOMÍA

ANGEL MANSO

Tamén se verá afectado o tren hotel con Madrid deste xoves e do venres

27 jul 2017 . Actualizado ás 13:11 h.

O sindicato CXT cre que os servizos mínimos de Galicia na folga que convocaron para mañá en Renfe e o ADIF son excesivos. A clave está en que a compaña ferroviaria escolleu quince rutas que se paralizarán pero, segundo CXT, son realmente moitas menos. Un exemplo: o tren que sae ás 11 da mañá da Coruña con destino a Vigo é o mesmo que vai parando en Santiago, Vilagarcía e Pontevedra, pero segundo Renfe iso son catro trens sen servizo pola protesta contra a precariedade laboral. A CXT anuncia accións xudiciais contra esta medida de Fomento.

Aos usuarios galegos interésalles saber que a folga realmente comeza esta noite, porque xa non haberá tren hotel con Madrid nin sairá da capital o que fai a ruta á inversa. E mirando cara a outros puntos de España, tamén quedará a comunidade sen conexión diúrna co País Vasco, xa que afecta ao Intercity; sen ligazón con Portugal (non haberá Celtas); e cun atraso de tres horas do tren hotel que debería saír mañá de Barcelona ás 20.20.

Servizo no eixo atlántico

En canto ao eixo atlántico, serán 15 os trens que non circularán: un Vigo-A Coruña (o que tería que saír ás 11,15 horas) e un A Coruña-Vigo (o citado antes das 11); e traxectos máis curtos como Vigo-Pontevedra (3 trens) e Pontevedra-Vigo (3), Vilagarcía-Santiago (3) e outros Santiago-Vilagarcía (3), así como un Santiago-Vigo (o das 22 horas).

No corredor A Coruña-Ferrol-a, a folga afectará a dous trens en cada sentido (os que saen de Ferrol ás 14.05 e ás 20.40, e da Coruña ás 7.06 e 8.57, o tren hotel).

O mesmo ocorrerá cun do corredor A Coruña-Monforte (o das 6.38 desde a cidade coruñesa e o das 20.42 de Monforte). Tamén deixarán de circular seis Avant no corredor Ourense-Santiago-A Coruña (os que saen das Burgas ás 6.45 ás e 14.25, e os que parten ás 6.30 desde A Coruña e ás 15.35 desde Santiago).

Na liña Ferrol-Ribadeo, a CXT apunta que funcionarán o 70 % dos servizos en horas punta e o 43 % o resto do día.