O Sabadell Galego abrirá tres novas oficinas, en Vigo, A Coruña e Santiago

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

As obras desas novas sucursais arrincarán a inicios do 2018, e estarán en contornas céntricas das cidades

25 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Sabadell Galego abrirá o próximo ano tres novas oficinas, en Santiago, Vigo e A Coruña, dentro do seu plan de reorganización da rede para mellorar a súa penetración nas cidades nas que ve unha maior posibilidade de crecemento, segundo explica a entidade. As obras desas novas sucursais -máis grandes- arrincarán a inicios do 2018, e estarán en contornas céntricas das cidades. «Apostamos por unha Galicia de persoas e proxectos pero sen esquecer que as grandes cidades galegas deben ter o liderado que se merecen», apunta Pablo Junceda, director xeral do Sabadell Galego.

O banco quere aproveitar o tirón que está a detectar en peticións de investimento e en captación de depósitos. «Creceremos o que o mercado nos pida e naquelas zonas onde máis se demanden os nosos servizos. Agora mesmo estamos tendo un aumento dun 7 % en investimento e dun 3 % en recursos, e o 40 % das empresas galegas traballan xa co Sabadell Galego», explican desde a entidade.

A prioridade está no primeiro factor: os préstamos. O obxectivo está en crecer por amais dos dous díxitos. «Ningún proxecto viable vaise quedar sen crédito en Galicia. Os directores de zona están notando un aumento de peticións e concesións de crédito, polo que esta percepción [a apertura da billa do crédito] tarde ou cedo chegará a empresas e particulares», engade Junceda. «E as decisións de crédito -insiste- séguense tomando en Galicia e por suposto tómanas persoas que son galegas. Non cabe dúbida de que todo isto axuda, e moito». 

Complementariedade

A pesar de centrar esas aperturas en contornas moi urbanas, no grupo insisten en que se seguirá apostando polo mundo rural: «Co Galego habémosnos/habémonos achegado máis a esa contorna, pola localización das súas oficinas, que foron moi complementarias coas que o Banco Sabadell tiña con anterioridade á integración». Esa complementariedade, din, dáse noutras áreas de negocio: «O Banco Galego estaba moi orientado a particulares e o Sabadell a empresas, polo que esa complementariedade aumenta».