As exportacións suman 600 millóns máis nun ano

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO /LA VOZ

ECONOMÍA

FRANCK ROBICHON | EFE

A comunidade galega vai camiño doutra marca en vendas ao estranxeiro, a pesar da caída da automoción

14 jun 2017 . Actualizado ás 18:42 h.

As empresas galegas lograron durante o primeiro trimestre deste ano comercializar mercancía no estranxeiro por un importe que é 600 millóns de euros superior ao contabilizado entre xaneiro e marzo do 2016; un dato que revela que a comunidade vai camiño de lograr unha nova marca nas exportacións. E o sector exterior é, sin duda, unha das grandes fortalezas da súa economía.

A isto súmase que Galicia empeza a corrixir algúns dos seus desequilibrios. De feito, sumou neste primeiro trimestre 200 novas empresas exportadoras, e apréciase un incremento do número de negocios que venden os seus produtos ás economías emerxentes, lugares onde a exportación galega crece a un ritmo inferior ao que presenta o conxunto do sector exterior.

O Barómetro Exportador de Galicia (Baexga), o informe que trimestralmente publica o Foro Económico de Galicia, dá conta de que o bo rendemento exportador prodúcese a pesar da caída no sector da automoción, cuxas vendas ao estranxeiro baixaron en taxa interanual un 2,1 %, cifra que contrasta co crecemento do 13 % do conxunto das exportacións galegas.

A situación de Citroën explica a caída dos ingresos exteriores da automoción, sector onde, en cambio, aumenta o número de empresas exportadoras (un 13 % máis, o que supón 36 firmas con nova presenza en mercados foráneos). É dicir, a industria auxiliar de compoñentes búscase a vida fóra de Galicia. En cambio, no téxtil sucede xusto o contrario. A confección, que supón case un terzo do total das exportacións, crece en millóns vendidos, pero o número de empresas que exportan non, e isto ten que ver co papel central que desempeña Inditex, a multinacional téxtil fundada por Amancio Ortega.

«No sector da confección o resultado é espectacular en todos os indicadores, a única sombra é a diminución de empresas exportadoras cara á UE, que caen nun 6,3 %», apunta o Baexga.

A caída da automoción non só estaría compensada no primeiro trimestre pola confección -que aumenta en 179 millóns as súas exportacións-, senón tamén polo sector do petróleo e derivados -crece en 195 millóns, o que máis- sobre todo en mercados como Francia, Bélxica e Estados Unidos.

Con todo, o máis destacado do balance do primeiro trimestre é que o número de empresas exportadoras crece a un ritmo moi superior ao do conxunto de España: unha 6 % fronte ao 2,9 %; é dicir, case o dobre.

Un dato relevante, sobre todo se se ten en conta que uno dos déficits principais do sector exterior galego era a falta de empresas exportadoras e a súa dependencia de dous xigantes, como son Inditex e Citroën. Ata fai ben pouco, calculábase que, en relación co peso que ten Galicia no conxunto da economía española, a comunidade necesitaba sumar 1.200 empresas exportadoras máis.

5.208 

Millóns exportados. Entre xaneiro e marzo, son 600 máis que no mesmo período do ano anterior.

1.553,4 

Vendas exteriores do téxtil. Supoñen 179 millóns máis que no primeiro trimestre do exercicio 2016.