O (pen)último tren para a eólica galega

G. L. REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

monica ferreiros

O resultado da poxa de incentivos podería acelerar proxectos pendentes de Endesa, Norvento e Gas Natural

19 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai máis de dous anos que non se levanta un novo parque eólico en Galicia. O último, o de Cordal de Montouto (entre Aranga e Guitiriz), púxoo en marcha Gas Natural Fenosa a finais do 2014, tras case un decenio de parálise no sector, que se mantivo nos últimos dous anos, fóra dalgunha pequena repotenciación en instalacións antigas.

O concurso do 2010, a gran esperanza para volver situar á comunidade como locomotora do tren das renovables, do que se ha ir descolgando, segue dormitando nos caixóns. Hai xa 24 parques autorizados ao amparo dese macroadjudicación (cunha potencia conxunta de 582,5 megawatts e un investimento previsto de 740 millóns de euros). Se se suman os proxectos autorizados previamente, son 65 as instalacións eólicas pendentes de desenvolvemento na comunidade.

O empuxón que faltaba pode vir da poxa de incentivos ás renovables celebrada este mércores. É certo que os promotores non obtiveron primas para os parques que desenvolvan á calor desa convocatoria. Cobrarán a enerxía que xeren a prezo de mercado, pero asegúranse, iso si, un chan mínimo (42 euros/MWh), para cando as cotizacións se afundan.

Unha garantía que non existía en anteriores poxas e que pode impulsar o desenvolvemento de proxectos pendentes en Galicia. Dos grandes vencedores da poxa, de momento só Endesa, que levou 540 megawatts, anunciou que situará na comunidade parte deses novos parques eólicos, nos que investirá 600 millóns de euros, aínda que non precisou que parte virá a Galicia. Non lle faltarán oportunidades, xa que no concurso do 2010 adxudicouse 138 megawatts e xa tiña potencia concedida de antes.

Outra que podería plantar máis muíños en Galicia é Gas Natural Fenosa. O grupo, que se fixo o mércores con 667 megawatts (o 22 % do poxado), informou onte de que investirá 700 millóns no desenvolvemento da nova potencia de aquí a decembro do 2019 (cando as instalacións deben estar xa operativas). Non quixo, con todo, precisar onde se situarán os parques porque, argumenta, a decisión non depende só deles. Eles poden propor, pero debe ser o Ministerio de Enerxía, din, quen dea o visto e prace final, que non chegará ata o mes de marzo.

Aínda así, no sector dáse por feito de que Galicia non quedará á marxe dos seus plans. Non en balde, Gas Natural foi un dos grandes triunfadores do concurso eólico galego do 2010, no que se adxudicou 339 megawatts. E, aínda que logo renunciou a 141 por non consideralos rendibles, aínda ten moita marxe de actuación. De feito, no marco dese concurso ten xa un parque autorizado, o de Cordal-Ousá, nos municipios de Friol , Outeiro de Rei e Begonte, e a iso hai que sumar a potencia adxudicada en plans previos.

Tamén se dan por seguros no sector, e mesmo na Administración, novos muíños de Norvento. Só os sete parques do último concurso que xa ten autorizados suman máis potencia da que se adxudicou nesta poxa (144 megawatts fronte a 128,6).

Por iso, sen descartar tampouco a outros operadores como Gamesa, no sector hai certo optimismo sobre as oportunidades que se abren para o desenvolvemento da eólica. E non só en Galicia, senón en toda España, onde a patronal, a Asociación Empresarial Eólica, saudou o resultado dunha poxa que «dá esperanza ao sector tras varios anos de letargo». Non en balde, a do vento foi a tecnoloxía que arrasou na poxa, ao adxudicarse 2.979 dos 3.000 megawatts en xogo. A fotovoltaica só se fixo cun e os outros 20 repartíronse entre o resto de renovables.