A venda de coches derrúbase un 16 % en Galicia, e só crece a compra de flotas de empresas

Manoli Sío Dopeso
m. sío dopeso REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

M. MORALEJO

O mercado de particulares sofre a maior caída en cinco anos

04 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Abril foi o peor mes de vendas para os concesionarios galegos desde que en outubro do 2012 entrou en vigor a primeira edición do plan de axudas á compra (PIVE), que se prolongou durante oito edicións consecutivas ata setembro do 2016.

Desde a rede comercial galega explican que viña vir, porque o mercado de particulares levaba meses dando mostras de apatía. Contan que, desde que comezou o ano, o sector aguantou as cifras positivas grazas ao tirón das empresas, que unha vez superada a crise volveron a renovar as súas flotas, e ao aumento das altas de autónomos. Pero esta demanda xa non foi suficiente, e abril acabou con 3.066 unidades vendidas, un 16 % menos que no mesmo mes do 2015.

A desagregación deste dato non deixa lugar a dúbidas. Do total de vehículos saídos dos concesionarios en Galicia o mes pasado, 2.221 foron adquiridos por particulares (un 22 % menos), mentres que as empresas matricularon 821 unidades (un 8 %) e o sector do renting adquiriu 24 vehículos.

O mercado galego foi o segundo peor de España por comunidades (só por detrás de Ceuta e Melilla), xa que, en conxunto, as matriculacións creceron un 1,1 % (101.375 turismos) en todo o país, o cal, sen ser un dato negativo, vén confirmar tamén o estancamento do mercado en España.

O mal dato de abril, que os concesionarios xustifican en parte pola perda de días hábiles durante a Semana Santa, sitúa a Galicia con 13.347 coches matriculados no que vai de ano, e un saldo xa negativo do 0,1 %.

Coches en «stock»

As previsións do mercado non son optimistas. «A desaparición do plan PIVE provocou un descenso do tráfico de exposición e, consecuentemente das vendas; neste mes xa se nota moito máis a tendencia negativa», aseguran fontes dos concesionarios galegos. «Sin duda os particulares botan en falta estímulos para a renovación dos coches máis vellos do noso parque automobilístico», asegurou onte un portavoz de Anfac, a patronal dos fabricantes.

Desde Faconauto (empresarios dos concesionarios) alertan de que «ante a previsible caída do mercado, moitas marcas empurraron aos seus axentes a automatricular demasiados coches, provocando xa problemas de sobreestocaje».