O beneficio da Alcoa xa segregada sobe un 3 %

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

WADE PAYNE | REUTERS

O presidente da división de aluminio admite que os custos enerxéticos en España son un obstáculo

26 abr 2017 . Actualizado ás 07:24 h.

Alcoa Corporation, con dúas fábricas en Galicia e unha en Asturias, pechou o primeiro trimestre deste ano con 117 millóns de dólares (107 millóns de euros) de beneficio neto, o que representa case un 3 % máis que durante o mesmo período do 2016. Os ingresos comportáronse bastante mellor, ao acadar os 2.655 millóns de dólares (2.400 millóns de euros), un 25 % máis que no primeiro trimestre do 2016 e un 5 % por amais dos rexistrados no cuarto trimestre do ano anterior. Este aumento é consecuencia da recuperación dos prezos internacionais do aluminio.

A multinacional estadounidense presentou estes resultados aos investidores o luns pola noite. O vicepresidente executivo de Alcoa, Roy Harvey, botou flores á súa compaña, sobre todo porque saíu máis que airosa do seu primeiro trimestre completo tras a segregación do grupo. A empresa separou as actividades tradicionais de fabricación de aluminio das dedicadas ao negocio aeroespacial e de automoción. As primeiras manteñen o nome orixinal do grupo e as segundas están agrupadas en Arconic.

As tres plantas españolas están en Alcoa Corporation. Hai un ano saíu á luz a intención do grupo de vendelas, aínda que esa posibilidade parece estar aparcada nestes momentos.

O presidente da división de aluminio da compaña segregada, Timothy Reyes, está de xira estes días polas fábricas. Onte estivo na de Avilés, onde se reuniu co comité de empresa. Hoxe estará na de San Cibrao e mañá na da Coruña.

José Manuel da Uz, do comité da planta asturiana, explicou que lle pediron a Reyes incrementar a produción da fábrica, limitada desde o 2012, pero o directivo avanzoulles que non podía comprometerse a tal extremo. Alegou que o problema das instalacións españolas eran os custos eléctricos.

Alcoa compite anualmente nunha poxa por conseguir un prezo máis reducido na súa tarifa enerxética, que leva o 45 % dos seus custos de explotación.

O comité da Coruña reactivou a súa campaña para que as industrias gocen duns prezos eléctricos estables que permitan planificar investimentos a longo prazo.