A Xunta propón aos municipios suprimir tributos para atraer empresas

j. c. SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

JOSE MANUEL CASAL

O presidente da Fegamp considerou relevante que se botasen a rodar asuntos pendentes entre as administracións locais e a autonómica

21 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Goberno autonómico pediu colaboración aos concellos para complementar as accións postas en marcha pola Xunta para atraer novas empresas a Galicia e facilitar a súa implantación. Alberto Núñez Feijoo considera clave a súa participación por canto as institucións locais ostentan as competencias urbanísticas e fiscais, que son determinantes na decisión de implantación dos emprendedores. E pídelles, nada menos, que renuncien total ou parcialmente a través de bonificacións aos impostos que xeran as empresas, xa sexa a través do IBI ou o IAE, así como outras taxas e prezos públicos.

É a proposta que lle fixo o xefe do Executivo galego ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, o socialista Alfredo García, co que se reuniu no marco da Comisión Galega de Cooperación Local, que se reuniu en Santiago despois de sete anos. A cambio, a Xunta ofreceríalle aos concellos implicados no plan de captación de investimentos prioridade en diferentes axudas para parques industriais, viveiros ou plans de eficiencia enerxética, á marxe de consolidar emprego estable e calidade na área de influencia. Ademais, eses municipios contarán co distintivo Concello Doing Business en Galicia, unha ferramenta da Administración autonómica que permite detectar atascos na tramitación de permisos para a chegada de empresas.

O presidente da Fegamp, Alfredo García, non confiaba en acadar «grandes acordos» nesta primeira reunión, pero considerou relevante que se botasen a rodar asuntos pendentes entre as administracións locais e a autonómica. 

Cen medidas da Fegamp

Ademais da solicitude da Xunta en clave económica, a reunión estivo capitalizada polas cen medidas para o municipalismo que a Fegamp presentou en días pasados. Este documento interpela á propia Xunta en varias ocasións, unha Administración coa que García se mostrou disposto a traballar «para resolver todos eses problemas» que afectan os concellos galegos.