«Estou en contra do imposto ao sol por dignidade»

f. fernández REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

«É como se o Goberno se mete dentro da miña casa para dicirme o que teño que facer»

12 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O enxeñeiro galego, de Viveiro, Eduardo Lorenzo Pigueiras é catedrático de Tecnología Electrónica no Instituto de Energía Solar da Universidad Politécnica de Madrid. Dirixe alí un grupo de investigación en sistemas fotovoltaicos que o leva de cando en vez polo mundo para asesorar a empresas da talla de Acciona na instalación de parques solares. Estes días está de descanso no Barqueiro (Mañón) e o luns 17 dará una conferencia en As Pontes sobre o autoconsumo, na que tamén participará a voceira nacional do BNG, Ana Pontón.

-Malos tempos para o autoconsumo eléctrico, non si?

-Hai un problema de inseguridade porque o Goberno ameaza con cobrar o famoso imposto ao sol, nome que non me gusta nada.

-Está en contra do imposto?

-Si, pero non por razóns económicas, senón por unha cuestión de dignidade, penso que o imposto ao sol é como meterse dentro da miña casa para dicirme o que teño ou non que facer. O Goberno pretende cobrar unha peaxe de respaldo por estar conectado á rede eléctrica para cando che faga falta. O argumento é moi discutible, porque se compro electrodomésticos ou lámpadas de baixo consumo sigo conectado ao sistema eléctrico, pero consumo menos, e non por iso teño que pagar un imposto. Se en vez dun electrodoméstico compro un panel fotovoltaico si que teño que pagar. Non é razoable que un Goberno se permita o luxo de dicirme que podo comprar un frigorífico de baixo consumo, pero non un panel fotovoltaico, me sinto invadido na miña condición de cidadán, non de inversor. De todos os xeitos, se finalmente se retira o imposto e en España se desenvolve unha actividade fotovoltaica importante, vai haber que retocar a contabilidade do sistema eléctrico enteiro. Estou en contra do imposto, pero estou disposto a asumir as consecuencias que iso vai xerar. Non creo nos milagres, nin en que se retire o imposto ou que se vaian poñer moitas instalacións e que vaiamos todos ser ricos e guapos, iso non creo que vaia acontecer.

-Vostede tamén é propietario de instalacións fotovoltaicas: está de acordo coas denuncias de asociación de produtores que alertan sobre a ruína dos seus negocios polo imposto?

-Teño 60 quilovatios vendendo á rede, si. Non comparto que o problema se estea tratando como unha especie de loita entre os bos, que son os ecoloxistas, os instaladores e os inversores, e os malos, que son as eléctricas e o Goberno. Esa é unha descrición maniquea que non se corresponde coa realidade. Están acontecendo cambios moi rápido e inestabilidades que son entendibles.

-A produción de enerxía solar en España é case residual: qué lugar debería ocupar?

-A fotovoltaica vai medrar moito, pero son incapaz de adiviñar a que ritmo o fará. Dependerá do decididos que esteamos a loitar contra o cambio climático. Habería que estar instalando moita solar, pero sendo conscientes de que hai que pagar.