A cablera R creará este ano en Galicia 14 novos postos de traballo

ECONOMÍA

KOPA

A teleco disparou no 2016 o beneficio neto un 153 % ata os 33 millóns

06 abr 2017 . Actualizado ás 13:50 h.

A operadora de cable R ten previsto contratar este ano a 14 persoas para reforzar a súa área de negocio na comunidade e ofrecer novos servizos. Incorporaranse a un persoal directo composto por 190 traballadores. É un dos plans da teleco galega para este ano, desvelado polo director xeral da compaña, Alfredo Ramos, durante a presentación dos resultados obtidos durante o 2016. R ingresou o ano pasado 250,5 millóns de euros, un 1,6 % máis; e rexistrou un beneficio neto de 33 millóns, un 153 % máis que no 2015, destacou Ramos. O investimento realizado sumou 46,2 millóns.

R está integrada en Euskaltel desde decembro do 2015 e o 2016 foi, xa que logo, o primeiro exercicio completo de funcionamento conxunto. A cablera galega achegou ao grupo en torno ao 40 % dos ingresos e dos beneficios, segundo confirmou Alfredo Ramos.

A teleco con sede na Coruña pechou o 2016 con 297.000 clientes, os mesmos que declarou ter o ano anterior, aos que prestou un millón de servizos (un 2,8 % máis). Tamén creceron as liñas de móbiles, un 5,6%, ata as 420.000. Só a empresas, R sumou 47.000 clientes aos que ofreceu 189.000 servizos (un 3 % máis).

Ramón destacou que a operadora galega mantén o liderado en cota de mercado de Internet (cun 47,8 %) e de móbil (40,2 %), por diante das principais telecos do país.