O automóbil galego acelera o seu talento

Manoli Sío Dopeso
m. sío dopeso VIGO / LA VOZ

ECONOMÍA

EDUARDO

Galicia impulsa unha lanzadeira de «startups» de novos compoñentes electrónicos, a gran carencia do sector

15 sep 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Á volta duns anos, non moitos, as estradas encheranse de coches autónomos de motorización híbrida ou cento por cento eléctrica. A automoción sempre foi unha industria pioneiro en crear e incorporar tecnoloxía, e os tiros apuntan cara á electrónica como o compoñente estrela que marcará a diferenza á hora de puxar pola adxudicación de modelos.

«É o noso gran reto», dicían onte fontes da automoción galega, no acto de presentación da Business Factory Auto, a primeira aceleradora galega de startups , que arrinca coa misión de renovar e achegar valor ao actual parque de provedores, integrado por 106 fabricantes de compoñentes (máis da metade, multinacionais estranxeiras).

«Trátase de abrir a porta a startups que revolucionen a economía da comunidade», afirmou onte o conselleiro de Economía, Francisco Conde, ante todo o sector, reunido no polígono de Porto do Molle (Nigrán), onde terá sede provisional esta lanzadeira, con capacidade para 50 empresas.

Adeus a Yann Martin

O proxecto, que inclúe o desenvolvemento dunha fábrica loxística intelixente 4.0, buscará innovar en materias como a comunicación vehículo a vehículo, o coche conectado, a eficiencia no motor, a reparación automática, o GPS e a localización ou a condución segura. A Xunta prevé que a aceleradora xere investimentos superiores a 20 millóns de euros

De momento, hai 10,2 millóns de orzamento, cunha participación do 80 % da Consellería de Economía, e as achegas do Consorcio da Zona Franca de Vigo, o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e o grupo PSA Peugeot Citroën. Precisamente o seu ata agora director, Yann Martin, aproveitou o acto de onte para despedirse do sector galego. «Desde a distancia, estean seguros de que compartirei con alegría e orgullo o que fagan para que Vigo e Galicia sigan sendo referentes da automoción, e sempre contarán coa miña axuda», dixo Martin, que dirixirá a planta de PSA en Irán .

O seu posto en Vigo será ocupado o 1 de outubro polo recentemente chegado de París, Frédéric Puech.