A Deputación arranxará o primeiro tramo do viario Silleda-Escuadro

P. V. LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Investirá 123.000 euros e pode estar feito a finais do verán

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Silleda solicitara á Deputación a mellora da estrada EP-6509 que enlaza Silleda con Escuadro. No seu primeiro tramo, o que arrinca na estrada N-525 en Silleda esta estrada está moi deteriorado e o Concello por esta razón apremaba ao organismo provincial, que é titular desta estrada, para que procedese ao acondicionamento.

Onte o Concello e Deputación pecharon o capítulo desta petición nunha reunión mantida entre o alcalde, Manuel Cuíña, o edil de Obras, Klaus Brey, co director de Mobilidade da Deputación, Daniel Romay.

O representante provincial explicou aos membros do goberno local as actuacións técnicas que levarán a cabo na mellora do tramo.

A intervención inclúe unha reparación cunha nova capa de rodaxe e ampliación da calzada ata un ancho de 5,50 metros e cos bordo da cunetas de formigón.

O técnico da Deputación avanzou que o organismo provincial se encarga a partir de agora da elaboración do proxecto técnico para proceder posteriormente á correspondente contratación dos traballos que darán unha nova cara e mellores prestacións ao arranque da estrada de Escuadro.

O investimento previsto nesta actuación sitúase en 123.000 euros e desde a Deputación estímase que o traballo podería estar acabado a finais do próximo verán.

O alcalde de Silleda destacou onte tras a reunión co técnico provincial que se trata dunha actuación que hai tempo que reclamaba o Concello dado que o primeiro tramo da estrada está en moi mal estado. Tanto é así que a deterioración do viario agravouse nos últimos anos provocando mesmo desprendementos nalgunha zona.

Ademais lembra que ese tramo é ademas vía de acceso para enclaves de interese e con movemento social que incide no uso desa estrada como é o Castro de Toiriz.

O rexedor silledense, Manuel Cuíña, sinalou onte que desde o Concello «agardamos que as obras poidan comezar canto antes para mellorar esta vía moi transitada polos veciños e usuarios da zona e que precisaba unha reparación en condicións».