Lalín vive en pleno cruzamento de camiños... orzamentarios

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

O rexedor xa encargou a elaboración do proxecto económico do 2018 pero aínda non se dispón do actual

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Lalín Quilómetro 0, cruce camiños... tamén orzamentarios nesta recta final de xullo. Atopámonos co paradoxo de que aínda non entraron en vigor as cifras económicas municipais do 2017 e o Concello ten xa activada a maquinaria para confeccionar as do 2018. Talvez busca recuperar a aprobación en prazo das contas, rota este ano tras moita controversia e debate político entre grupo de goberno e Partido Popular.

O orzamento municipal do 2017 está nestes momentos pendente de concluír o período de alegacións. O prazo para cursalas concluirá esta semana. Se non se producen despois só quedaría publicar un anuncio no Boletín Oficial da Provincia. En principio o rexedor, Rafael Cuíña, confía en que o día 3 de agosto podería ser a data para a entrada en vigor das contas, con sete meses xa «gastados» do ano.

Pero de forma paralela xa houbo directrices ao Intervención para a redacción do proxecto de orzamentos do 2018. Por certo que máis dun pode buscar a malicia que ás veces tingue o político ao analizar os seguintes datos. O día 22 o grupo municipal do PP anunciaba unha moción para o seu debate no pleno de mañá, instando o goberno local a traballar xa nas contas do próximo ano e evitar a demora vivida neste 2017. Onte, día 26, desde o Concello divulgábase un correo electrónico remitido por Rafael Cuíña á interventora accidental onde, segundo recóllese textualmente, «como lle pedín ou pasado venres día 21 de xullo, pídolle que poña ou seu departamento a redactar vos traballos de redacción do proxecto de orzamentos do 2018» para levalos ao pleno de novembro. Xogo político, dirán algúns.