Lalín mediará ante o ORAL e Facenda para evitar un desafiuzamento

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

rober amado

A Axencia Tributaria reclama as cotas de urbanización do Agro de Lalín de Arriba

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O comentario dun veciño de Lalín en redes sociais sobre o suposto desafiuzo da súa vivenda habitual dunha familia por deber as cotas que lle correspondían da urbanización do Agro de Lalín disparou onte as alarmas. O Concello fixo investigacións e o rexedor, Rafael Cuíña, apuntaba que ía facer todo o posible para que non se produza este embargo. O primeiro paso será, apuntaba, intentar manter unha reunión co ORAL e coa Axencia Tributaria para mediar con estes organismos, encargados da execución para o cobro da débeda, de cara a negociar o pagamento cos afectados evitando medidas tan drásticas como un desafiuzamento. O goberno local destaca que o proceso de desenvolvemento e de urbanización do Agro de Lalín de Arriba foi levado a cabo durante o mandato do PP, que foi quen fixou as condicións en todo o proceso.

Resaltan que «ou Concello non realiza ningún tipo de embargo» e que foi en 2009 e 2010 cando, co PP no goberno, iniciouse o proceso remitíndolle as débedas ao ORAL. Logo este trasladouna á Axencia Tributaria que é a que agora, din, procede á adopción destas medidas como medio de cobrar a débeda. O goberno lalinense lembra que nesas datas Crespo era vicepresidente da Deputación e «tinga responsabilidades non ORAL». Co paso do tempo calquera débeda vese incrementada de forma exponencial polos intereses de demora.

O balcón ao que pillou o estalido da burbulla inmobiliaria

Ía ser o balcón de Lalín, unha zona urbana con vistas cuxo desenvolvemento se viu truncado pola crise e o estalido da burbulla inmobiliaria que xa se vía vir. Con ela tamén se foron ao tacho as previsións dos propietarios que se atoparon cos gastos da urbanización das parcelas e sen compradores cos que facer negocio.

Hoxe a zona está practicamente baleira e a única construción é a dunha vivenda unifamiliar promovida por unha familia que reside alí. A urbanización do Agro de Lalín de Arriba foi adxudicada a principios de xaneiro do 2007 á empresa Taboada e Ramos. O proxecto ascendía a 2,5 millóns de euros e dábase á empresa sete meses de prazo para realizar os traballos. Ao final foi máis tempo despois da aprobación no seu día dalgunha prórroga. Na mesma reunión do anterior goberno local nesa mesma data aprobábase o proxecto de reparcelamento, un trámite previo á propia urbanización. O reparcelamento rexistrou no seu día un total de once alegacións, mentres que o proxecto de urbanización non atopou oposición entre os propietarios.

O 19 de setembro do 2008, José Crespo, naquel momento alcalde de Lalín, realizaba desde alí o chupinazo das festas das Dores e procedíase á inauguración oficial da urbanización co corte da cinta correspondente. Un acto no que se descubriu tamén unha placa cravada nunha pedra de 5,5 toneladas e cuxa base estaba enterrada un metro.

No seu discurso o entón edil de Urbanismo, Román Rodríguez, destacaba a integración da zona «antes adicada a cultivos de patacas e millo» ao tecido urbano lalinense. Comentou as vantaxes desta zona «alta, asollada e saneada», aínda que recoñecía que ese non era o mellor momento debido á crise que xa empezaba a verse con forza. A finais de outubro dese mesmo ano, o 2008, Crespo apuntaba que o Concello tiña sen cobrar case o 40 % das taxas de Lalín de Arriba. Cobráronse 485.000 euros dos 770.000 aos que ascendía o montante total das taxas de urbanización da zona. De 107 propietarios abonaran xa a súa parte 74. Algúns propietarios estaban a agardar xa a posibilidade de vender algunha parcela para poder pagar.

Unha bolsa de chan con capacidade para ata 285 novas vivendas

No seu día algúns vían o Agro de Lalín de Arriba como un segundo Regueiriño, onde si se traduciu en pingües beneficios para os propietarios dos terreos a urbanización, non ocorría no outro caso. O desenvolvemento do Agro permite construír ata 285 novas vivendas. A urbanización deste espazo dotou á zona de 82 puntos de luz. O desnivel desde a parte alta ata a glorieta situada fronte ao colexio Manuel Rivero é de 25 metros, que constitúe unha plataforma da que gozar dunha magníficas vistas sobre Lalín. Construíuse unha superficie de 100.000 metros cadrados de beirarrúas e 4.200 metros de lonxitude de bordos. No 2008 o mercado inmobiliario en Lalín xa se retardou, pero o ritmo de construción aínda estaba a ser notable e estaban en execución un gran número de solicitudes cursadas en 2006.