As «abellonas» despiden a tres xogadoras

A. manso / j. B. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

As futuras noivas xogaron o torneo de rugbi praia en Boiro ataviadas con saias de tul rosa e coroas

25 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

As despedidas de solteiro convertéronse xa nun ritual máis antes da voda. Non é para menos dicirlle adeus á soltería e merécese unha celebración ao grande. Moito mellor se ademais ganas o torneo internacional de rugbi praia Cidade de Boiro.

Mariana Rodríguez, Susana Varela e Teresa Varela, tres xogadoras do club Coreti Lalín, nunca pensaron que finalizarían a tempada ataviadas con tutús de cor rosa e coroas de princesa. As tres abellonas casan este ano e as súas compañeiras de equipo non quixeron desperdiciar a ocasión para sorprendelas cunha festa de despedida. Así, sen que as noivas sospeitasen nin o máis mínimo, o pasado sábado e con diferentes argucias, todo o equipo acabou cambiando o seu habitual uniforme por saias de tul. As noivas, vestidas de cor rosa, e o resto do equipo acompañándoas con tutús vermellos e camisetas negras, para non perder a esencia do equipo.

O refrán afortunado no xogo desafortunado no amor non se cumpriu nesta ocasión. Comezaron xogando contra o equipo de Muralla de Lugo, co que perderon. O segundo partido disputárono contra Ourense e gañaron. Así, na final, volvéronse atopar coas lucenses gañándolles na prórroga e proclamándose campioas. Talvez foron as coloridas saias que lles deron sorte, pero sexa como for, a vestimenta escollida non foi o mellor para xogar o torneo. Despois do primeiro partido tiveron que gardar o conxunto por medo a que non acabase completo a final do mesmo xa que algunhas delas xa tiñan rasgadas as vestimentas. Aínda así, volvéronse a uniformar coa orixinal vestimenta para xogar a final, como non podía ser doutro xeito.

As coroas de princesa que portaban as noivas non estaban permitidas durante o partido, pero iso non foi un inconveniente para que non se lucisen. Algún que outro árbitro se animou á celebración e luciu a tiara para pitar durante o encontro.

Durante o día as futuras noivas tiveron que pasar ata dez probas que ditaron con moita imaxinación as súas compañeiras. Conseguir cervexa, balóns asinados polas xogadoras doutros equipos ou converterse apresuradamente en esteticistas e pintar as uñas das súas amigas, foron algunhas das bromas que converteron unha habitual cita deportiva nunha divertida xornada.

Pero aí non acabou a cousa e a festa continuou durante a noite -incorporándose unha das noivas que non puido xogar- con imperdibles e arranxos caseiros para suxeitar os estragados disfraces que foran obxecto de bromas durante o encontro.

Torneo Cidade de Boiro

Pola súa banda, o equipo masculino, tamén presente no mesmo torneo, presentou un conxunto renovado que incluíu varios xogadores que están probando este deporte por primeira vez, con vistas a incorporarse o próximo ano ao equipo. Conseguiron un segundo posto na copa de prata.

O equipo feminino, pola súa banda, acadou durante esta tempada, para enmarcar, a Liga Galega, situouse como subcampión da Copa da Xunta e xogaron por primeira vez na historia do club unha fase de ascenso á División de Honra. O pasado sábado as abellonas sumaron unha vitoria máis a un ano repleto de éxitos e celebracións, que finalizará con tres delas pasando pola vigairía despois dunha despedida inesquecible con triunfo incluído.