Instalarán na estación de Lalín de Arriba un panel sobre a calidade do aire

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Será un dos dez que se colocarán en Galicia

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio instalará na nova estación meteorolóxica de Lalín de Arriba un panel informativo sobre a calidade do aire na zona, co obxectivo de desenvolver e consolidar a rede de observación de Galicia. Será un dos dez que se instalarán en Galicia, xa que se renovarán os das sete grandes cidades e tamén se instalarán nas novas dependencias habilitadas en Ponteareas e Xinzo de Limia.

Con esta actuación preténdese ofrecer á cidadanía información actualizada diariamente, e previsiblemente a cada hora, sobre os índices de calidade do aire. Ademais, este sistema permite exercer un control constante sobre os niveis de concentracións de sustancias no ambiente, como dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno, partículas de diámetro inferior a 10 micras, ozono e monóxido de carbono. Desta forma, que busca previr posibles afectacións na saúde das persoas e na contorna. Os paneis informarán tamén dos parámetros meteorolóxicos programados para cada unha das estacións.

Licitación

A propia consellería anunciaba onte no DOG a licitación do contrato de subministración, colocación e posta en marcha destes paneis informativos, cun orzamento de 24.000 euros.