Patrimonio Galego.net cifra en 68 os bens catalogados en Lalín

La Voz

LALÍN

Inclúe desde xacementos arqueolóxicos a pazos e outros elementos arquitectónicos

12 abr 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Lalín daba a coñecer onte a relación de bens culturais que foron catalogados a través da web patrimoniogalego.net, creada por unha organización de ámbito galego para a defensa do patrimonio cultural. Un proxecto, que explican desde o Concello, está aberto á participación de calquera persoa que poderán incorporar novos elementos á web, dirixida polo profesor e xornalista Manuel Gago.

De momento, apuntan, a páxina conta coa participación de 350 usuarios. Nela figuran un total de 68 bens lalinenses inventariados. O maior número 23, son igrexas; ás que se engaden quince cruceiros ou unha decena de capelas.

Figuran tamén a fábrica de papel de Rodís, oito casas señoriales, o castelo de Paradela-Zobra, un castro, a fraga de Catasós, cinco pasos, dúas casas reitorais e o santuario do Corpiño.

Desde o Concello destácase o peso do municipio de Lalín e sinálase que o número de bens inventariados sitúase por amais da media da maioría dos concellos galegos. Sinalan que Lalín acumula o 60 % dos bens de Deza que aparecen recollidos na páxina web con 68 dun total dos 113 da comarca.

Cada un deles aparecen identificados cunha ficha descritiva na que figuran datos como a súa localización, a época á que pertencen ou de quen é propiedade, ademais de diversos aspectos de interese de cada un deles. Entre estas referencias figuran datos históricos, e outros recolleitos da tradición popular, así como referencias bibliográficas, xunto cun mapa de localización.

A web actualízase a diario coas achegas de profesionais e de afeccionados. Pese ao gran número de bens catalogados na páxina, desde o Concello de Lalín sublíñase que queda moito por completar o extenso e valioso patrimonio cultural lalinense. Destacan que en cada parroquia hai, polo menos unha igrexa, suporíao xa máis de medio centenar, ademais de 29 construcións nobres e pacegas, segundo César Gómez e Francisco Rubia ; máis dunha trintena de castros e setenta cruceiros, entre outros.