Convenio de Forcarei e Turismo para concluír a rehabilitación integral das neveiras de Fixó

La Voz A Estrada / LA VOZ

FORCAREI

É o segundo subscrito entre ambas as institucións

14 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Forcarei e a Axencia Turismo de Galicia acaban de asinar un segundo convenio de colaboración para concluír o proxecto de rehabilitación integral das neveiras de Fixó, un recurso único en Galicia que se pretende pór en valor como un dos alicerces turísticos do municipio. O acordo rubricado por Belén Cachafeiro e Nava Castro inclúe un investimento de 59.290 euros por parte da Xunta.

Un montante necesario xa que a primeira partida, duns 100.000 euros, foi insuficiente para rematar co proceso de rehabilitación ante o achado dunha profundidade e volume de rocas e edificacións superiores ás previstas, durante os traballos acometidos o pasado exercicio.

Co novo proxecto preténdese rematar a escavación e a recuperación arqueolóxica da neveira que quedou sen rematar, e descubrir e preparar todo o seu muro. A intención pasa, se a estrutura o permite e a seguridade aconséllao, por deixala no seu estado natural, sen ningún peche. O Concello demanda aínda unha terceira fase, de acondicionamento da contorna, do acceso e dun aparcadoiro para facilitar a chegada de visitantes.

O proxecto turístico enmárcase nun plan integral do municipio, que acaba de dotar de luces exteriores ao mosteiro de Aciveiro, e ten pendente a aprobación dun proxecto de ampliación do circuíto da Madalena, ao amparo do GDR Pontevedra Norte.