Sinalizarán unha praza fronte ao centro de saúde de Agolada para facilitar aparcar a ambulancias

La Voz LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

27 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A corporación de Agolada aprobou onte por unanimidade a sinalización dunha praza para aparcadoiro fronte o centro de saúde. A proposta partiu a través dunha moción do grupo de edís non adscritos, apoiada polo PP, co fin de facilitar a parada das ambulancias fronte a esas dependencias.

Na sesión plenaria o goberno local informou de varias subvencións recibidas a través de Deputación e Medio Rural. No primeiro caso correspondentes ao plan de emprego e a investimentos en varias liñas, por exemplo para a compra dunha retroexcavadora por 33.000 euros ou un pisón por 12.000, así como para melloras de camiños por 166.000 euros. O convenio con Medio rural é tamén para un plan de mellora de pistas, con 47.000 euros de dotación.

Desde a oposición interesáronse ademais por canto se recibía no Concello de Agolada en tributacións polo encoro de Portodemouros.

Parcelarias paralizadas

Á sesión acudía o exedil Juan Carlos Sánchez Fuciños, quen pediu intervir na quenda aberta ao público, para interesarse por varias parcelarias paralizadas hai anos. O goberno local dixo que non hai novidades, ao priorizar a Xunta as que teñen desenvolvemento agrícola. Fuciños quéixase xa que hai algo máis dun ano a conselleira comprometeuse en Agolada a reactivalas.