Agolada aprobou un reaxuste que lle esixe aforrar 23.000 euros en dous anos

Rocío Perez Ramos
R. Ramos LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

O Concello vese obrigado a impulsar un novo plan financeiro

25 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Agolada terá que volverse a apertar o cinto o incumprimento da regra de gasto e da de estabilidade orzamentaria polo aumento dos investimentos esíxelle pór en marcha un novo plan financeiro de axuste ou, máis ben, facer fronte a un novo reaxuste que foi aprobado onte en pleno coa abstención dos edís non adscritos. Basicamente o Concello ten que amortizar 6.000 euros este ano e 17.000 euros o que vén.

Os edís aprobaron tamén, neste caso co voto en contra dos concelleiros non adscritos, unha modificación de créditos por un montante de 26.700 euros.- Unha cantidade orzada en prazas que non están cubertas e que se destinará a gasto corrente e investimentos.

Jesús Sánchez, de non adscritos, argumentou o voto do seu grupo explicando que as modificacións de créditos son unha práctica habitual do goberno e que achacan a unha falta de xestión.

O grupo de non adscritos presentou varias mocións. Unhas formulacións que foron aceptados na maioría dos casos polo grupo de goberno.

A única rexeitada de plano foi a petición dos non adscritos de que se incluíse a un concelleiro da oposición na xunta de goberno e nas mesas de contratación. Unha demanda que foi rexeitada polo goberno local.

Os responsables municipais apuntaron que nas mesas de contratación xa estiveron, que estas son públicas e que se queren poden ir a elas. Outra cousa moi distinta é a xunta de goberno. A oposición pediu que se lles avisase.

Pediron que se revisasen os parques infantís alegando que non cumpren a normativa. Algo que o grupo de goberno comprometeuse a facer contratando a unha empresa para levar a cabo a revisión dos mesmos.

Os edís da oposición queixáronse do mal estado no que se atopaban os parques infantís e denuncian que incumpren a normativa demandando xa en máis dunha ocasión o arranxo dos mesmos.

No apartado de rogos e preguntas, os concelleiros interesáronse polo horario que tiña o alcalde de atención aos veciños aos veciños e contestáronlles que os martes. Explicando que aínda que o alcalde podía estar polo Concello tamén outros días, eran os martes, a xornada que destinaba á atención dos veciños.

Un SAF especial para as mulleres e sinalización de aparcadoiros para persoas discapacitadas

O grupo de non adscritos presentou unha moción pedindo un SAF para mulleres con partos múltiples ou de alto risco e prestar servizo a mulleres en situacións complicadas que necesiten axuda. O grupo de goberno dixo que se estudaría cada caso e que se podería ver e outorgar previo informe de servizos sociais.

Demandaron tamén de novo estacionamentos para discapacitados e o grupo de goberno comprometeuse a realizar un esbozo para levar a cabo a súa sinalización de acordo coa normativa. A través doutra moción solicitaron que se fomentará a liña de autobuses escolares que permite aos maiores utilizala. O grupo de goberno comprometeuse a dalo a coñecer e divulgar o servizo a través de bandos nas parroquias.

A preguntas de non adscritos, o PP cifrou en 3.520 euros os gasto de inauguración do Auditorio e negou que existisen problemas de verteduras na depuradora, pese á denuncia no seu día realizada por unha asociación. Neste sentido desde o grupo de goberno indicouse que non houbese ningún problema coa depuradora e que estaba todo ben.

Adxudicación do bar

Por outra banda, só unha persoa optou ao bar do centro social, unha vez estes días pechouse o prazo de presentación de ofertas. Trátase dunha veciña de Rodeiro, María Carmen Vázquez Fernández. O Concello requiriralle agora a documentación necesaria, previa a levar a xunta de goberno a concesión da adxudicación. O bar sacouse a concurso despois da renuncia da actual encargada.