Un ano de intensa actividade de Baluarte dous Pendellos

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

.

Reclaman a implicación das administracións para continuar a posta en valor deste espazo

11 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Non necesitan capa de superheroes nin máis armas que unha férrea vontade, grandes doses de ilusión e de traballo. É o colectivo Baluarte dous Pendellos, unha agrupación que cumpre un ano de vida integrada por un grupo de persoas unidas por un afán común: a defensa sen concesións dos Pendellos de Agolada, un espazo único que namora.

O colectivo sopra as velas do seu primeiro aniversario facendo balance da intensa actividade desenvolvida durante este período. Un traballo que segue tendo no punto de mira a reivindicación e o empurre de novas actuacións que continúen contribuíndo á posta en valor do antigo mercado.

Entre as últimas xestións destaca unha entrevista mantida o pasado 29 de marzo co vicepresidente da Deputación, Xosé Leal. A el entregáronlle un amplo dossier e pedíronlle a realización de actuacións que completen a restauración do recinto, así como a posta en uso de espazos xa restaurados como son os mesóns ou o museo de feiras.

Entrevista na Deputación

Unha das propostas que Baluarte fixo á Deputación, propietaria de gran parte do conxunto, é a de poder volver usar os pendellos como posto nas feiras que teñen lugar cada día 12. A Deputación quedou en estudar fórmulas para facer viable algunha actuación, agora que o goberno provincial cambiou o sistema e outorga directamente o diñeiro aos concellos e son eles quen deciden.

Os membros de Baluarte dous Pendellos teñen previsto volver agora a chamar a outras portas e manter encontros con responsables das consellerías de Cultura e Industria para trasladarlles as súas demandas.

Tras a aprobación dos estatutos, o primeiro paso dado pola agrupación, unha vez creada, foi manter un encontro co alcalde de Agolada, Ramiro Varela, ao que lle presentaron no seu día os seus obxectivos e peticións. Máis tarde exerceron de anfitrións de profesores do instituto Laxeiro nunha visita guiada aos pendellos.

Ao longo do último ano, o traballo foi arduo con actuacións como a organización dun encontro-coloquio que levou a Agolada a tres prestixiosos arquitectos: Manuel Gallego, Luz Paz Agras e Luís Gil Pita para explorar novas ideas sobre o futuro arquitectónico deste espazo e os seus usos. Interviñeron no Consello da Cultura Galega para a cesión do valioso arquivo fotográfico de Jesús Faílde Ouro, natural de Agolada, a fin de que o Consello divulgue e custodie se legado, pedindo tamén a organización dunha exposición itinerante do arquivo e a súa inauguración nos Pendellos. O colectivo serviu de guía ao conselleiro de Cultura nunha visita institucional ao mercado, colaboraron na presentación do libro de toponimia de Agolada de Luz Méndez cunha visita guiada a membros da Real Academia Galega e da Asociación Galega de Onomástica e da Deputación. Dentro do seu traballo enmarcar tamén un amplo informe documentado sobre este espazo, a investigación histórica e arqueolóxica do mesmo, as xestións realizadas polo arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero ao que visitaron en Lugo ou a colaboración coa TVG para un programa de Aquí Galicia dedicado aos Pendellos.