Lalín copa a maioría das altas de residentes estranxeiros nas comarcas

Javier Benito
javier benito LALÍN / LA VOZ

A Estrada

O pasado ano acolleu a 189 persoas doutra nacionalidade, e A Estrada só 91

28 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Lalín ostentou o pasado ano a cabeza no ránking de estranxeiros que fixaron residencia en Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Ademais de copar a maior cifra global, con 682, deles 189 tiñan outra nacionalidade diferente á española. Son algúns dos datos recolleitos nun informe do Instituto Nacional de Estatística (INE), onde se constata que o municipio lalinense lidera as novas altas residencias na zona, mentres na cola sitúase Dozón.

No 2016 en Lalín estableceron a súa residencia 682 persoas, das que 193 procedían da propia provincia de Pontevedra e 174 do resto de Galicia; súmanse 126 das outras comunidades autónomas e 189 do estranxeiro. A bastante distancia situouse o pasado ano A Estrada, con 373 altas residenciais, con 90 da provincia, 133 do resto de Galicia, 59 doutras comunidades autónomas e 91 de distinta nacionalidade á española. Pola súa banda, Silleda acolleu 252 altas, con maioría de pontevedreses -92-, por 52 das outras tres provincias galegas e 43 doutras comunidades, para contar con 65 estranxeiros.

Por amais do centenar situáronse Vila de Cruces e Cerdedo. No caso cruceño, con 113 altas residenciais, repartidas entre 42 da provincia e 27 do resto de Galicia, así como 18 do territorio nacional e 26 estranxeiros; en Cerdedo foron 102 en total, maioritariamente da provincia con 63, fronte a 14 das tres restantes galegas, 12 doutras comunidades españolas e 13 doutras nacionalidades.

En Forcarei foron 92, con 54 pontevedreses e 15 do resto de Galicia, sumando 11 doutras comunidades de España e 12 do estranxeiro. En Agolada foron medio centenar as altas de residencia, con 20 da provincia, 16 galegos, 4 doutras comunidades autónomas e 10 foráneos. En Rodeiro foron 41, con 12 pontevedreses e idéntica cifra do resto de Galicia, sumando 11 de territorio nacional e 6 estranxeiros. Para rematar, en Dozón foron 34 altas, con 25 da provincia, 6 galegos das outras tres comunidades, só 1 do resto de España e 2, de fóra do territorio nacional.

Case medio milleiro de baixas no 2016 no municipio lalinense

A outra cara da moeda, o número de persoas que causaron baixa como residentes, tamén a liderou Lalín o pasado ano segundo os datos do INE. Foron 537, con maioría de españois, 380, aos que se sumaron 157 estranxeiros. Na Estrada foron 403 as baixas, con 329 de persoas de nacionalidade española e só 74 foráneos. En Silleda acadáronse os 219, con 184 con pasaporte do noso país e 35 estranxeiros.

En Vila de Cruces causaron baixa residencial 147 persoas no 2016, das que 118 eran españois e 29 estranxeiros. En Forcarei acadouse un total de 119, con 97 e 22 respectivamente, mentres que xa por baixo do centenar situáronse os outros catro concellos das comarcas. En Cerdedo chegouse a 93, con 70 españois e 23 foráneos, mentres en Agolada sumáronse 89 baixas residenciais, 82 do noso país e 7 con outra nacionalidade diferente. En Rodeiro foron 80 en total, con 70 españois e 10 foráneos, para completar a relación Dozón, con 39, 36 do noso país e 3 de estranxeiros.