Madrid acolle o Campionato Internacional de Salvamento con presenza estradense

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

Acudirá a deportista cadete Marta Troitiño e o fotógrafo José Luis Suárez

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Madrid acollerá esta fin de semana o quinto Campionato Internacional de Primavera de Salvamento e Socorrismo, con máis de 250 deportistas de 112 clubs e once comunidades españolas, así como de países como Países Baixos e Gran Bretaña. Nesta cita, que serve de preparación para citas como o Mundial de xullo en Polonia o Europeo de setembro en Bélxica, haberá dezasete competidores galegos, entre eles a cadete estradense Marta Troitiño, do Club Acuático Umia.

Pero a participación da Estrada amplíase coa participación tamén de José Luis Suárez, fotógrafo invitado pola Federación Madrileña de Salvamento e Socorrismo, que repite experiencia. O seu labor no 2016 xunto á boa relación con equipos de fóra de Galicia motivaron a súa nova presenza neste Open. Hai que lembrar ademais que o estradense foi nomeado recentemente fotógrafo oficial da Federación De Salvamento e Socorrismo de Galicia.

José Luis Suárez mostrouse ilusionado con esta invitación aínda que compartirá presenza con outros fotógrafos profesionais. Neste segundo ano participa con máis experiencia, adquirida por exemplo en eventos como o recente Open Internacional Absoluto de Natación en Pontevedra, onde puido fotografar a Mireia Belmonte.