A Estrada celebrará o seu Feira do Libro os próximos días 5 e 6 de maio

ou. p. A Estrada / LA VOZ

A Estrada

m.s

Contará con actividades lúdicas para nenos na contorna do consistorio e mercado

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A Estrada celebrará unha nova Feira do Libro a próxima semana. O venres 5 de maio a partir do mediodía e o sábado día 6 serán as dúas xornadas en que tres librerías locais ?Marxe, Durán e Faro? conten coas súas casetas na Praza do Concello, ofertando un desconto do 10 % nas compras de ambas as xornadas. Ademais, como é xa habitual na iniciativa estradense, as 300 primeiras compras recibirán un litro de leite producido no municipio.

Os máis pequenos serán protagonistas nas distintas actividades que complementarán a feira, con actividades na contorna do consistorio e alameda, e unha solta de libros na Praza do Mercado. Desta forma, o venres día 5 ás 17 horas actuarán as escolas de Tequexetéldere, e ás 17.30 haberá talleres de chapas do mundo da lectura e marcapáginas de goma eva. Trinta minutos despois, Cé Orquestra Pantasma en concerto.

Xa o sábado, ás 11 horas será a solta de libros a cargo do club de lectura Lendo A Estrada, na praza do mercado. A única actividade de pagamento será ás 12.30 horas no teatro Principal a representación de Ou meu avó é meigo, a cargo de Mundo Mandarina Teatro Infantil, con entradas a 3 euros. Pola tarde, ás 17.30 estará o mimo Nono; ás 18 horas, talleres de ilustración creativa e de accesorios de conto; ás 18.30 horas preséntase o libro Caer de cu polouniverso , de Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo. Pechan a programación Viravolta con Cocer e cantar. Haberá ademais un photocall, nunha feira cuxas actividades presentará Pablo Chichas.

Na presentación, Mavi Picallo e Loli Durán coincidiron en sinalar que as vendas se concentran en libro infantil, e algo en novidades. Destacaron ademais o traballo que se fai cos libros en colexios e gardería.