Senra pide en Europa que se investiguen as verteduras da EDAR de Aguións

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

Rexistrou o luns un escrito

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A eurodeputada galega Lidia Senra, integrante do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica, acaba de denunciar ante a Comisión Europea (CE) o mal funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Estrada.

Senra rexistrou este luns en Bruxelas un escrito dirixido á Comisión Europea no que lle informa das «continuas verteduras orgánicas que padece ou río Liñares» e insta o ente comunitario a tomar medidas para comprobar a situación de contaminación na que se atopa esta zona e forzar ás autoridades competentes a corrixila.

Na Rede Natura

A europarlamentaria considera «moi grave» a deterioración que está sufrindo a canle fluvial por mor da mala depuración de augas residuais que realiza a EDAR. Incide en que é necesario ter en conta que o río Liñares se inclúe no Sistema Fluvial Ulla-Deza, incluído na Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria.

Senra, que a principios de mes visitou a zona acompañada pola edil de Móvete, Mar Blanco , comprobou que as verteduras son palpables a primeira ollada, xa que en toda a zona se rexistra un forte cheiro e un limo de cor grisáceo.

Traba para os salmóns

Tomando como base as análises realizadas a principios deste ano por axentes facultativos ambientais, Senra denuncia na Comisión Europea que se está producindo «un gran aporte de materia orgánica ou fecal directamente ao río». Segundo destaca, a sedimentación dos fondos fai inviable o proceso de desova de salmóns, reos e troitas presentes no Ulla. Ademais, na canle habitan desmáns ibéricos, unha especie protexida catalogada como vulnerable cuxa alimentación e vida estar a ver alterada por mor das verteduras.

Vulneración normativa

Lidia Senra expón na Comisión Europea a posible vulneración da Directiva 91/271/CEE relativa ao tratamento das augas residuais urbanas que podería supor o mal funcionamento da EDAR.