O BNG volve denunciar falta de seguridade no recinto da Semana Verde de Galicia

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

Aluden ao descontrol na vixilancia e á precarización na nova adxudicación da Fundación feiral

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O BNG reitera a súa voz de alarma ante a situación de desprotección de patrimonio público da Fundación Semana Verde, o maior recinto de Galicia que debe manter ese servizo esencial e con calidade exixible á Administración para os seus usuarios. O Bloque advirte «un descontrol total na vixilancia e unha precarización na nova adxudicación promovida pola dirección da Fundación».

A denuncia é reiterada porque xa alertara de precarización da vixilancia hai dous anos. Agora sinala que a nova adxudicación profunda máis no abandono ao ser controlado só «durante tres horas e media os martes amais dos eventos feirais».

Considera que hai unha política de desmantelamento do recinto e ejemplariza con que gañou o concurso de seguridade Alcor cunha oferta de 12 euros a hora para vixiantes que viron reducide a xornada nos últimos anos ata un 20 %, e o persoal que había non foi subrogado o que critica o BNG como incumprimento que autoriza a Fundación que deixa o recinto «quede sen control durante case todo o ano».

Estima o BNG que no recito reduciuse o número de efectivos de seguridade nun 80 % o que provocou que a empresa Agapel acabase contratando a súa propia seguridade. O Bloque lembra que a feira xa foi obxecto de danos en varias ocasións.

Denuncia o BNG unha situación de neglixencia da dirección da FIG ao «deixar desamparado o recinto» moitos días sen considerar que ten moitos usuarios, numerosas empresas e gandeiros de todo Galicia e transportistas que «poden ver ameazadas por roubo as súas cargas ao non haber persoal especialista que controle entradas, saídas e estancias dos vehículos».