O programa do San Paio incluirá catro días de festa

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

O petitorio porta a porta comezará a próxima semana

20 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A dous meses da celebración do San Paio, a organización aínda non avanzou un só detalle do programa. No entanto, o edil estradense responsable de Eventos, Nemesio Rey , asegura que xa se empezou a traballar na recadación e que a próxima semana se fará a presentación pública do novo equipo que se está encargando da organización. O anterior, presidido por Gonzalo Tato, asumira o traballo durante os dous últimos anos e pedira a substitución. Rey non quere desvelar nomes, só indica que se trata dun equipo integrado por xente nova con moitas ganas de traballar.

O edil de Eventos avanza que o programa incluirá catro días de festas. Os dous festivos locais, o día de San Paio (26 de xuño) e o do Santísimo Sacramento (27 de xuño) coinciden este ano en luns e martes. Por esta razón hase decidido iniciar as festas o sábado 24 e pórlles fin o 27. Programaranse catro días de actividades con alternativas de lecer e diversión para todos os públicos.

Sobre o San Xoán aínda non se tomou unha decisión. O ano pasado, a comisión do San Paio decidiu prescindir da organización da fogueira para non duplicar eventos, sobre todo tendo en conta o tirón conseguido no 2015 polo lumeiro organizado polos veciños do barrio de Figueiroa. Este ano, os veciños de Figueiroa aínda non confirmaron se repetirán o evento. Se o fan, a comisión prescindirá da súa lumeiro. Se en Figueiroa non hai, organizarase un no pobo.

A comisión xa iniciou o petitorio ás empresas. O petitorio porta a porta nos domicilios particulares está previsto empezalo a próxima semana. Despois do Salmón instalarase ademais unha caseta no Farol para recoller achegas.