A xeración dos noventa pide paso

Delio Fernández

DEPORTES

24 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Acábase un gran Tour de Francia. Un Tour con poucas diferenzas que nos tivo enganchados ata o último momento. As caídas deixaron fóra de combate a serios candidatos ao podio como Richie Porte ou Alejandro Valverde. E aínda que foi un Tour sen demasiadas sorpresas, si que as poucas diferenzas na montaña fixeron que as etapas contra o reloxo decidíseno todo.

A primeira contrarreloxo con choiva e zonas perigosas facía pensar que a estratexia boa era non arriscar e manterse “san e salvo” para os seguintes días. Jon Izaguirre e Valverde decidiron arriscar e saíulles mal, quedando fóra de combate no primeiro asalto. Outros corredores foron precavidos e perderon un tempo que ao final era moi valioso. E aí estaba Froome, que con paso firme empezou a asentar os cimentos da súa vitoria.

Para min as grandes sorpresas foron a solidez que demostrou Rigoberto Urán e o baixo rendemento de Nairo Quintana. Urán non foi ningún descubrimento porque xa viña de demostrar o seu valía estando a piques de gañar dous Xiros de Italia anteriormente. Pero non nos agardabamos que estivese a disputar o Tour de Francia ata o último momento. O minuto perdido o primeiro día lastrou as súas posibilidades. E Quintana a gran decepción. Levamos xa uns anos agardando velo no máis alto do podio do Tour de Francia. A pesar do seu segundo posto deste ano no Giro , non estivera brillante. Eu pensaba que se gardaba balas para facer un gran Tour, pero vese que actualmente é case imposible facer dúas grandes voltas seguidas a un gran nivel.

Froome confirma que segue sendo o corredor máis forte en tres semanas. Pero a nova xeración dos 90 está pedindo a substitución, e así o fixeron notar neste Tour. Mikel Landa, Bardet, Aru e compaña están a pedir paso. Gustarame ver a Mikel Landa nun futuro con roles de líder nun Tour. Actualmente paréceme o único corredor español con capacidade de disputalo. Este ano tan só 13 corredores españois estiveron na saída do Tour, a cifra máis pobre da historia. Un fiel reflexo do que está a pasar ao pelotón español nos últimos anos. A xeración de Purito, Valverde e Contador non vai durar sempre e avecíñanse tempos difíciles. Xa quedan lonxe os anos en que Contador puña patas para arriba un Tour de Francia. Por suposto, seguen xurdindo novos talentos en España, pero os poucos apoios e oportunidades aos mozos de converterse en profesionais no noso país estanse facendo notar. Agardo que o próximo ano sexan máis españois na saída desta gran carreira, e por que non, eu tamén poder estar aí.