Ivanna, lanzada cara ao futuro

Pablo Gómez Cundíns
pablo gómez REDACCIÓN / LA VOZ

DEPORTES

MARCOS MÍGUEZ

A jabalinista asina o Campionato de España xuvenil con só tres anos de práctica deportiva

28 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Fai tres anos, Ivanna Román Sánchez (Santo Domingo, República Dominicana, 2000) gozaba en Betanzos, onde leva fincada case unha década, dunha existencia na que a actividade física non era, precisamente, prioritaria.

Un bo día, o seu irmán Adonis invitoulle a probar o deporte que amaba, o lanzamento de xavelina. Fai apenas catro días, Ivanna (que compite con licenza do Marineda Atlético) proclamábase campioa de España xuvenil cunha marca de 45,78 metros, que supón a mellor marca nacional da súa categoría este ano (e galega de sempre con xavelina de 500 gramos) e que lle valeu a selección para participar con España nun encontro internacional que se celebrará o sábado en Ávila.

Tamén estreará internacionalidad nesta cita o seu adestrador na Escola de Lanzadores da Coruña, Raimundo Necho Fernández. «Nunca vin unha progresión tal. En seis meses de práctica proclamouse campioa galega cadete e 5.ª de España; ao ano foi campioa galega e subcampioa nacional xuvenil e vén de ser bronce en León a pesar de ter unha escordadura nun pé», describe. 

Ivanna combina xavelina de medio quilo e de 600 gramos, a que terá que usar a partir do 2018, o seu primeiro ano júnior. Un lanzador emprega uns sete anos en dominar a técnica e acada a plenitude desde os 21 aos 27 anos de idade. «Un dos seus puntos fortes é a súa condición física natural, é moi forte e hai que ir freándoa para non pasarse», explica o preparador.

«Este ano quero a medalla de ouro, díxenlle ao meu adestrador»

A atleta dominicana afincada en Galicia recoñece que estaba nerviosa no transcurso do Campionato de España. «Pero despois das outras dúas medallas, quería o ouro. 'Este ano quero a medalla de ouro', díxenlle ao meu adestrador», explica Ivanna. «Non me saía un bo lanzamento. Preocupeime. E no último decidín lanzar por intuición», di. Foi ouro. «quedei alucinada. Tiña unha enerxía incrible. Quería seguir lanzando», engade. «Evolucionar e superarme é o que me atrae do deporte. Pásomo ben adestrando. Estou emocionada por ir coa selección. É un bo momento para gozar do deporte», explica.

Necho Fernández analiza: «Non é moi alta, pero é explosiva e rápida. Tivemos que traballar moito a súa condición física porque non tiña base deportiva e se sobrecargaba, por exemplo, os tendóns de Aquiles. Tivemos que adaptar os adestramentos a estas circunstancias. Houbo antes outras lanzadoras destacadas á súa idade, como Lidia Parada, pero tiñan máis base deportiva».