O conto chinés da igualdade

Xosé R. Castro FONDO NORTE

DEPORTES

26 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A moitos, especialmente á clase política, éncheselles a boca falando do deporte feminino, da discriminación positiva e da igualdade, pero nada máis lonxe da realidade.

Na segunda década do segundo milenio todo segue sendo moi diferente e os avances foron a paso de boi e pola tenacidade das propias protagonistas. O de planificar pode agardar outra centuria máis.

Por iso, pouco importa que o baloncesto feminino converteuse nun clásico das finais dos grandes torneos, porque chegada a hora da verdade a revelación da Liga Feminina, o Uni Ferrol, tense que quedar sen o premio dunha participación histórica europea. Ou un lustro atrás, un club como o Celta Bosco, cuxo pecado é facer as cousas ben, tivo que autodescenderse de categoría para garantir a súa viabilidade.

Pero o mesmo ocorre noutro deporte que tanto interese acapara en Xogos e Mundiais como o balonmán. O Porriño, outro exemplo de canteira, tivo que renunciar a Europa talvez na única oportunidade que se lle poida presentar nunha historia cargada de sacrificio e canteira. Non o fará agora o Guardés, capaz de facer campioa de Liga a unha localidade de 10.000 habitantes, polo entusiasmo do seu presidente, pero despois de asinar a xesta xogando nun hangar, gentilmente cedido por un centro escolar, e cuns vestiarios nada acordes cos tempos que corren nin coas necesidades mínimas.

E en ambos os deportes, tan só a modo de exemplo, a emigración é unha moeda de uso común. De feito, especialmente no balonmán, as melloras xogadoras hai tempo que militan noutras ligas.

Logo están os adestramentos en penumbra, en moitos casos a horas intempestivas, a falta de medios de todo tipo e a precaria organización de moitas competicións, sen entrar en aspectos tan fundamentais como a visibilidade. Falar de profesionalismo sería unha utopía e o de compaxinar vida deportiva, familiar e laboral parece un conto de ciencia ficción.

Demasiadas adversidades para pensar que a paridade está máis preto. Primeiro, as súas señorías terán que recoñecer o problema. Non sacarse a foto e mirar para outro lado.