Sitio para tres no centro do campo do Dépor

Xurxo Fernández Fernández
xurxo fernández A Coruña / LA VOZ

DEPORTES

MARCOS MÍGUEZ

A ampla nómina de centrocampistas e a súa polivalencia facilitarán un cambio no debuxo herculino

25 jun 2017 . Actualizado ás 17:59 h.

Para o trile fai falta un só primo, pero non se pode xogar sen darlle tres opcións. Sempre un trío, para que a bolita baile e desconcerte ao incauto. Na Coruña hai anos que tratan de repetir o truco. Desde que viron a Irureta cravalo en San Mamés con Mauro Silva, Conceiçao e Jokanovic. A Jabo ensinárallo Parreira no 94, cando se cargou a Raí para que Mazinho escoltase a Dunga e Mauro, e xuntos selasen un Mundial con só tres goles en contra. Pouco vistoso, talvez, pero efectivo. Poida que o coiro non viaxe rápido, que importa; está sempre controlado, lonxe da vista de quen o segue.

Agora Pepe Mel pide quenda. Quere tentar á sorte organizando o xogo. A primeira zona en quedar completa será clave na súa próxima proposta, de aí a présa. Fede Valverde, eloxiado por todo aquel que o tivo diante, non andaba falto de pretendentes, pero entendeu que o Dépor lle daría a oportunidade de bregarse en Primeira antes de pensar en establecerse no Bernabéu. Ao uruguaio, coa maioría de idade apenas estreada, non lle deu medo a competencia. O cadro de persoal que agora engrosa acumula, fabrilistas á marxe, outros cinco centrocampistas. Cantidade insostible ao longo dun curso, pero amparada aquí na esperanza de saídas e o cambio no debuxo. O actual técnico branquiazul cabila probar de novo a viabilidade do trivote e establecelo como esquema de partida na próxima campaña. O trile adaptado: tres no medio para mover a bolita. Caben case todos.

Dous parten con vantaxe

Dous xogadores parten con vantaxe. Mosquera, xa indiscutible nas primeiras citas ás ordes de Garitano, recuperou todo o crédito, estendéndoo incluso, tras a substitución no banco. Mel está convencido de rescatar a mellor versión do coruñés, a dos seus primeiros meses de volta en casa. Ao seu lado, se a pretemporada non dita o contrario, estará Guilherme. Reter ao brasileiro, gran aposta da secretaría técnica, custará (a prazos) máis de catro millóns de euros. Hai xa interesados en adquirirllo ao Dépor, pero se a necesidade non aperta será un dos fixos. Entre el e Mosquera asumirán o rol máis defensivo do trío. Elixir de entre ambos o mellor áncora será unha das tarefas que deberían estar resoltas tras o festival de amigables do mes de xullo, para logo empregar os de agosto, de maior enxunlla, en cimentar a fórmula e resolver a incógnita da compaña.

Celso Borges volve encarar a reválida dos dous últimos anos. Nunca empeza o verán con pinta de imprescindible, pero segundo avanzan as probas e o equipo penétrase no curso, o xogo ponse ao lado do costarriqueño e empéñase en demostrar que hai valores que se disparan con el no campo. Ter dous compañeiros na medular podería resultar de beneficio ao seu rigor táctico e ás súas incorporacións á área. O seu perfil é ben distinto ao de Mosquera e Guilherme; máis próximo ao do novo.

Valverde, feito a pesar da súa inexperiencia ás prazas de interior e mediapunta, comparte con Borges a facilidade para moverse preto da meta adversaria. Supera ao tico en velocidade, pero perde nun factor clave nas últimas tempadas: poderío aéreo. Nin Mosquera nin Guilherme van sobrados na disputa de balóns chovidos, e aí, e nas accións de estratexia, gaña enteiros Celso.

Dous malos precedentes

A intención de Mel de multiplicar os homes en zona media non procede do exceso de aspirantes a ocupala, senón ao contrario. O técnico recibiu alternativas para desenvolver unha idea coa que xa chegou ao Deportivo. As lesións encadeadas de Mosquera e Guilherme impedíronlle dispor con máis constancia o trivote durante o último tramo da 2016-2017. Só houbo un par de ocasións nas que alistou tres centrocampistas a un tempo, e os resultados de entón non invitan a insistir sen máis ensaios previos.

No derbi de Riazor recorreu a Bergantiños, Borges e Mosquera, aínda que o segundo se estableceu con frecuencia en terreo máis propio dun enganche. A vitoria do Celta cortou o fenomenal arranque de Mel na Coruña, pero non apagou as súas ganas de trío. Catro visitantes despois, plantou a Guilherme, Borges e Expósito fronte ao Espanyol. Cravou a derrota pola mínima. Dous fracasos produto da improvisación non arredran ao míster. Só domina o trile quen persevera.