«Chorei todas as tempadas»

Xosé Ramón Castro
x. r. castro VIGO / LA VOZ

DEPORTES

O vigués Richy, capitán do Xirona, celebra o ascenso lembrando os seis anos de sufrimento

14 jun 2017 . Actualizado ás 11:25 h.

Richy Álvarez Puig (Vigo, 1984) representa mellor que ninguén a imaxe da agonía do Xirona durante as últimas seis tempadas. O galego, capitán do equipo, pode contar en primeira persoa o carrusel de sensacións do conxunto catalán, cuxa historia despois de múltiples avatares tivo final feliz. No caso do central, cunha chiscadela para o seu ciclo vital. Durante o último ano estivo parado dez meses por unha lesión que parecía interminable, pero chegou a tempo aos últimos cinco minutos de Liga . Seguramente o tempo mellor saboreado dunha longa traxectoria como futbolista que se repartiu entre o Celta e o Xirona cunha escala intermedia de dúas tempadas en Córdoba.

«Foron seis anos moi duros. Chorei en todas as tempadas porque sufrín en todas», comenta Richy. Cando se enfundó por primeira vez a camiseta branquivermella o equipo salvouse a última hora, ao ano seguinte o soño do ascenso acabouse no play off ante o Almería, logo chegou a agónica salvación ante o Deportivo e nas dúas anteriores tempadas os trompazos ante Lugo e Osasuna, cando xa tocaban a Primeira División coa punta dos dedos.

Esta campaña todo ía como unha seda para o Xirona, pero como de costume, na recta final chegaron os tropezóns e por momentos os cataláns temeron vivir un novo deixa vù. Richy recoñece que a síndrome apareceu no vestiario: «Houbo momentos que estabamos a once puntos, puidémonos pór a 14 porque parecía que os que viñan atrás non querían collernos. Fallabamos nós e eles tamén, pero ao final, cando perdemos co Nàstic preocupámonos, por momentos houbo bastantes nervios, pero ao final púidose conseguir o punto tan valioso que necesitabamos». Foi o domingo ante o Zaragoza.

E no partido máis importante da historia do equipo, que por fin ascendía a Primeira, reapareceu o vigués. Richy, capitán e fixo no once gironí nos anos anteriores aínda non debutara por unha lesión de cartílago articular de tróclea e cóndilo femoral externos do xeonllo esquerdo. «Foi o ano máis duro da miña vida. Por unha lesión estiven 10 meses parado, intentaba recuperarme pero o xeonllo non me respondía. Ao final puiden participar cinco minutos, no partido decisivo. Sentinme xogador e foi bastante ilusionante. Entrei con bágoas nos ollos por todo o que vivín este ano e polo que se ía conseguir». Fíxoo no medio dunha atronadora ovación e con Montilivi coreando o seu nome.

Foi ademais, un xeito de reencontrarse. «Se non xogo e non me deixo o sangue nos partidos non me sinto partícipe, pero ao final puiden xogar, volvín sentirme futbolista». Para asinar o ascenso e deixar ao equipo da súa vida «á altura que se merece».

«O Richy futbolista viuse neste club»

Canteirán do Celta , estivo ligado á entidade celeste durante seis tempadas. Consolidado no filial chegou a disputar un partido en Segunda A con o primeiro equipo, fronte ao Córdoba e con Stoichkov como adestrador. Tamén foi convocado nunha ocasión en Primeira, aínda que sen saltar ao campo.

No 2009 foise ao Córdoba e dous anos máis tarde fixo a viaxe da súa vida a Montilivi. «O Richy futbolista viuse no club que me deu toda a confianza do mundo, pero creo tamén que todo o que vivín aquí gañeimo».

Richy, que cumprirá 33 anos en setembro, acaba contrato co recentemente ascendido e asume que ten extremadamente difícil continuar, aínda que nada desexa máis no mundo do fútbol. «Sabemos como é este deporte, o ano que pasei cunha lesión dura e complicada. Hai que ser realistas e é difícil pero teño a esperanza de seguir aquí porque me gustaría que o Xirona fose o meu último club». Confesa que lle faría moita ilusión volver a Balaídos para un partido da máxima categoría.

A felicitación de Catoira

Mentres se esfolla a margarida, revisa todas as felicitacións recibidas polo ascenso, que por certo lle deixou a voz tocada, e das chegadas desde Galicia queda cunha especial. «A que máis ilusión me fixo foi a da nai de Catoira, de Sergio. Pasei uns cantos anos con el e aínda que agora non manteñamos moito o contacto sempre quedan os recordos», comenta o vigués mentres eloxia a tempada continental do seu primeiro equipo (a nivel cronolóxico), especialmente a de Sergio Álvarez e Iago Aspas, con quen coincidiu nas categorías de formación.