Os pés no chan

Carlos Melchor ALÉN

DEPORTES

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa era demasiado que o afeccionado branquivermello levase dúas alegrías seguidas nun final de tempada. O subidón da remontada contra o Oviedo para meterse de cheo na loita por algo máis contra un rival directo viuse cortada de raíz tras o partido perpetrado en Vallecas. Foi un dos peores desta tempada.

Por moito que queiramos, a realidade é a que é. É evidente que o equipo tocou teito e non está para acadar cotas máis altas. E non é pouco por certo, non perdamos a perspectiva e pequemos de novos ricos. Os postos do oitavo ao duodécimo son os que farían xustiza. Agardar algo máis entraría dentro do irreal para un equipo ao que lle custa a vida encadear un par de vitorias de forma consecutiva. É rochoso, compite ben, suma aquí e alá, pero non lle chega para chegar á zona vip da discoteca, onde só permiten a entrada aos máis importantes.

Nada que dicir en todo caso da tempada do Lugo, que conseguiu saír da queima máis que dignamente, de modo brillante por momentos, e que nos permitirá vivir unha nova tempada no fútbol de elite.

Con novo director deportivo, agardemos que dure algo máis que os anteriores, e a previsible renovación de Luís César, toca planificar. Hai patacas quentes como a continuidade dalgúns xogadores de moito peso no persoal e decidir que postos son prioritarios para ser reforzados. Un deles debería ser o medio campo. A perda da titularidade de Carlos Pita e o seu rendemento dos últimos encontros son significativos. É hora de que haxa unha substitución de garantías no seu posto xa que o coruñés de 32 anos xa non está para xogar 35 partidos por tempada. O seu rendemento descende en picado a medida que pasan os minutos. O do Raio foi unha mostra evidente, repleto de perdas de balón en zonas e momentos extremadamente sensibles, xunto cun despregamento físico, tanto en fortaleza como en resistencia, que non é suficiente para combater as batallas que se desenvolven nesa zona crave do campo. A súa refrescante entrada no descanso do partido de Oviedo para xogar 45 minutos pode servir de pista para saber por onde se pode maximizar o seu rendemento de cara ao futuro. Pero para iso, necesítase que haxa recambios de garantías que eleven a competitividade polo seu posto, cousa que ata agora non sucedeu.