O «botón equivocado» de Serena Williams

La Voz

DEPORTES

HANDOUT | REUTERS

A tenista admitiu que anunciou o seu embarazo nas redes sociais por erro

26 abr 2017 . Actualizado ás 15:29 h.

A tenista estadounidense Serena Williams admitiu nunha charla en Vancouver que anunciou o seu embarazo nas redes sociais por erro. «Estaba de vacacións, tomándome un tempo para min e estaba a me sacar unha foto cada semana para chequear o meu estado», comentou a número uno do mundo na noite de martes. «Estiven a gardar todas as fotos, pero xa sabes como son as redes sociais. Dás ao botón equivocado e...». «O meu teléfono non adoita soar moito e 30 minutos despois tiña catro chamadas perdidas. Collín o teléfono e deime conta: 'Oh, non'», engadiu nunha charla sobre innovación en Vancouver. 

Hai unha semana, a campioa de 23 Grand Slam colgou na rede social snapchat unha foto dela suxeitándose a tripa coa mensaxe «22 semanas».

A estadounidense de 35 anos revelou ademais que soubo que estaba embarazada dúas semanas antes do Aberto de Australia. A pesar diso, foi ao torneo e gañouno. «Estaba nerviosa», dixo. «Non estaba segura do que tiña que facer. Podo xogar? Sei que é moi perigoso nas primeiras 12 semanas ou así, polo que tiña moitas preguntas». Serena Williams non volverá competir no 2017, pero o seu axente asegurou que volverá ás pistas no 2018.