A terceira vida de Piscu

Pedro José Barreiros Pereira
pedro barreiros A Coruña / LA VOZ

DEPORTES

CESAR TOIMIL

Despois de dúas graves lesións de xeonllo, o central que foi do Deportivo prepárase en Ferrol mentres agarda xogar ata xullo nalgunha liga nórdica

24 abr 2017 . Actualizado ás 15:17 h.

Adrián López, Piscu resiste mentres loita por unha terceira oportunidade. Na primeira, o fútbol cumpriulle os soños de disputar unha trintena de partidos co Dépor entre o 2007 e o 2010, de levantar a Copa inglesa en Wembley e ata de xogar na MLS estadounidense. Logo chegaron dúas graves lesións e outra etapa feliz en Dinamarca, antes de que novas molestias lle obrigasen a parar no verán e reiniciar a súa carreira. «Teño 30 anos e traballando como o estou facendo podo seguir bastantes máis. Estou a agardar algo desde Finlandia ou Suecia para volver xogar estes dous meses. Axudaríame a gozar do fútbol e a próxima tempada estar ao cento por cento», afirma.

Xogador franquía desa escola de centrais que despunta na canteira do Deportivo, como antes que el Aira, daquela Rochela, ou agora Insua, a Piscu tocoulle curtirse no período inmediatamente anterior ao descenso do 2011, pero a falta de oportunidades empurroulle a deixar o niño. «No Dépor estaba moi contento, é o equipo da miña terra, pero se o adestrador non conta contigo, vasche. O problema é que o meu se vendeu como unha traizón. Retivéronme o tránsfer ata que se viu que todo era mentira, que non tiña sentido, que era unha pelexa persoal», sinala.

CESAR TOIMIL

Gozou o seu mellor momento na Premier inglesa, co Wigan, ás ordes de Roberto Martínez, o actual seleccionador belga. Logo, o galego fixo as maletas cara ao Montreal Impact da liga estadounidense, pero nada máis chegar magoouse o ligamento cruzado do xeonllo, unha das lesións máis temidas por un futbolista, o que lle obrigou a parar seis meses. Operouse en Barcelona e volveu a Canadá, pero ao segundo partido rompeu outra vez. Estaba na fase final da recuperación cando acabou contrato e marchouse a Dinamarca, onde militou un ano no Aarhus, ata que o pasado verán sentiu de novo molestias.

CESAR TOIMIL

Preparación

As dúas lesións de cruzado levaran a Adrián López a traballar ás ordes de reputados recuperadores deportivos: un membro do departamento de readaptación do Barça; logo, grazas a Nesta (o histórico central foi compañeiro seu no Montreal) visitou ao do Milan; tamén o examinou o fisio persoal de Calderón e o que traballa cos olímpicos do Canadá. «Pero a miña sorpresa é que en Ferrol hai unha persoa tanto ou máis preparada que estes nomes», asegura en referencia a Camilo Rivas, co que leva preparándose na súa clínica desde outubro. «Cambioume todo, souben o que me pasaba, o que tiña que facer e como había que orientalo. Non é un fortalecemento con máquinas, senón algo máis persoal, con bosu, gomas e traballo de campo. O primeiro foi pedir unha analítica completa, fíxome un estudo do corpo e cambioume a alimentación, agora como menos pasta e pan, máis carne, peixe e verduras. Ata mellorei a pisada. Impúlsome máis co dedo gordo. Varioume o plan de rehabilitación e atópome moito mellor, sen molestias e pensando na tempada que vén», asegura Piscu.

A pesar de todo o que lle pasou, o defensa non mira ao pasado con rancor. «queda a espiña da segunda lesión, pero un segundo cruzado sufriulle a máis xente. Por exemplo, a Valerón ou a Canales, o da Real, co que falei cando me sucedeu. Agora debo aceptalo e traballar. Unha lesión de xeonllo é como o que suspende un exame, que logo ten horas extras», engade antes de recoñecer que non pechou a porta a volver ao fútbol español. «Xoguei en boas ligas, pero necesito meterme de novo na roda do fútbol», afirma, convencido de que á terceira vida vai a vencida.