O mellor rival posible no camiño cara á prioridade do curso

Samuel Luckhurst DESDE MANCHESTER

DEPORTES

22 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A percepción entre os partidarios e a contorna do Manchester é que se beneficiaron do mellor sorteo posible. O Lyon era identificado como a maior ameaza e o Ajax conserva un lustre que fai que se lle manteña moito respecto. O Celta , pola contra, é o gran descoñecido, aínda que a súa vitoria fronte ao Barcelona adquiriu unha notoriedade aquí e iso podería servir ao club para evitar a autocompracencia e non subestimar a un equipo ten bos futbolistas.

O Manchester enfrontouse a oito equipos españois e está familiarizado coa formulación e a forma de entender o fútbol nese país. Por iso saben as tamén as dificultades que implica.

Para eles agora a Europa League é a prioridade. Así o transmite Mourinho desde fai un par de meses, dado que é a vía que teñen para volver á Champions e que iso sirva como trampolín para volver aos éxitos dos mellores anos. A Europa League, a diferenza da outra senda de clasificación que é quedar entre os catro primeiros, é un trofeo real que ademais nunca gañaron. Isto é un incentivo a maiores.

Penso que a baixa de Ibrahimovic é moi sensible de cara a esta eliminatoria. Aínda que o seu rendemento empeorara nas últimas semanas -fallou un penalti e logo foi sancionado tres partidos por unha cotenada-, os seus goles seguiron valendo moitos puntos ao equipo, 22 en toda a tempada. Con todo, Rashford colleu confianza con tres tantos nos últimos catro partidos e agora a presión será para el.

En canto a outros xogadores importantes, Henrikh Mkhitaryan é probablemente o mellor atacante do equipo, con moi bos rexistros na Europa League. O Manchester leva moito tempo buscando un xogador de garantías na posición de mediapunta e atopouno nel, que se segue así será considerado un dianteiro de clase mundial. Pogba mellorou ultimamente, pero necesita máis regularidade, mentres que Anthony Martial tivo unha tempada errática. Mata estaba no seu mellor curso aquí ata que se lesionou.

Samuel Luckhurst é xornalista deportivo do diario Manchester Evening News