Román Pérez imponse na terceira proba do Galego

DEPORTES

FO Audiovisuais

A competición reuniu a 180 participantes en Sarria

10 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A Liga Galega de moto de campo mostrou o seu músculo na primeira das probas que se disputa en terreo galaico no que vai de tempada, despois de que o certame autonómico arrincase nas localidades portuguesas de Caminha e Chaves.

En ambos os casos, Dani Carracedo impúxose ante os seus principais rivais polo título final na categoría de Elite 4T, Román Pérez e Jorge Paradelo. A pugna entre os tres continuou onte en Sarria e foi o de Ferrolterra, Román Pérez, o que levou un triunfo que lle permite acurtar distancias co líder. A experiencia que atesoura das súas participacións no Campionato de España (o mesmo sucede co laxense Dani Carracedo) contribúe ao espectáculo, ao que se suma o valdeorrés Jorge Paradelo (que actualmente compite no Nacional na máxima categoría). A marxe de Román foi escaso e Dani acusou nas cronometradas os problemas sufridos no rali.

O terreo seco permitiu aumentar as trialeras, o que complicou un pouco as cousas aos pilotos menos duchos, obrigados ás veces a botar pé a terra para superar as zonas de laxa esvaradía. Gozaron con iso os máis de 1.500 afeccionados que se achegaron ás dous especiais, sobre todo á grande, máis próxima ao parque industrial de Mourelle.

En Elite 2T, o habitual dominador da categoría, Juan Outón, atopou un duro rival en Antón Fernández, que finalmente se acabou levando a vitoria grazas ao seu coñecemento do terreo onde se celebrou a proba, xa que se estableceu na zona de Sarria por razóns profesionais.

En Open 2T, Abel Carballés deu continuidade ao triunfo que asinara en Chaves e demostrou a solidez que lle achega a súa presenza no campionato portugués ao completo. En Open 4T, Santiago García Varela foi o máis rápido, mentres que o seu irmán Pablo foi o gañador na E1.

Rois acollerá o 14 de maio a seguinte proba da Liga , pero antes disputarase a Copa Galega de extremas (nas que prima máis a habilidade que a velocidade) con citas en Luarca (23 de abril), en Boiro (en xullo), Mesego (tras o verán) e coa posibilidade de engadir outra cita en Caminha.