O San Martín denuncia a falta de determinación arbitral ante os insultos racistas ao seu xogador

Pablo Penedo Vázquez
PABLO PENEDO VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

Capotillo

O club reclama que se atalle o problema e, tras recibir numerosas mostras de apoio, Carlos Sánchez decide seguir xogando

18 ene 2017 . Actualizado ás 11:58 h.

Carlos Arturo Sánchez Vermellas decidiu onte que seguirá xogando ao fútbol. O dianteiro do San Martín de Vilaxoán (Vilagarcía), que o luns anunciara o seu adeus ao deporte que ama, cansado dos insultos racistas que viña soportando en practicamente cada saída do seu equipo aos campos rivais do Grupo quinto da Primeira Rexional de Galicia, recapacitou. O motivo principal, «ver tantas mostras de apoio, dos meus compañeiros, da miña directiva, de moita xente do club e de fóra del, de excompañeros e exentrenadores, da miña familia», di. Unha marcha atrás «para non darlle o gusto a esta xente» que se estivo cebando con el por ter unha cor de pel diferente. E tamén para «non deixar tirados aos meus compañeiros e directiva despois do moito que me apoiaron», explicaba onte Carlos Arturo, que se declaraba «un pouco máis tranquilo» que cando o domingo se encarou cun afeccionado do Marcón Atlético ao termo do partido de Liga co San Martín.

«Agora só agardo que todo isto sirva para que non volva pasar. No mundo do fútbol non debe haber ningún tipo de violencia», di Carlos, que pide que «a Federación Galega de Fútbol e o Comité Galego de Árbitros tomen nota».

A isto último aplicouse o seu club. A directiva do San Martín enviou unha carta a ambas as entidades informándolles do calvario sufrido por Carlos Sánchez, e pedindo que se apliquen para pórlle fin. Lembrándolles a existencia desde o 18 de marzo do 2005 dun protocolo de actuacións contra o racismo, a xenofobia e a intolerancia no fútbol asinado polo Consello Superior de Deportes, a RFEF e a LFP, «que a día de hoxe entendemos non se está cumprindo». É máis, denuncia o San Martín, «creemos que os árbitros non están a actuar con determinación ante estas deplorables condutas».

Así as cousas, desde o club «solicitamos que os árbitros sigan as directrices marcadas polo referido protocolo, deixando constancia na acta de todo tipo de incidentes racistas, paralizando momentaneamente o partido, e indicando aos clubs que insten aos asistentes a observar un comportamento respectuoso co noso xogador». E «de ser insuficiente, optar pola posibilidade da suspensión do partido».

O San Martín informa de que pola súa banda implementará un protocolo interno, que inclúa «o abandono do terreo de xogo no caso de que o árbitro non tome decisión algunha».

A Federación Galega respondeu onte sostendo que mantén «unha política de tolerancia cero co racismo, con infraccións e sancións ben tipificadas no noso regulamento», que esta tempada xa lle aplicou nunha ocasión ao Tordoia con multa de 301 euros e un partido a porta pechada.