Os Bolechas recrean para os lectores máis novos un conto de Carlos Casares

ALEJANDRO ÁLVAREZ / R. N. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

MIGUEL VILLAR

O libro forma parte da colección «As miñas primeiras Letras Galegas»

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O centro cultural Marcos Valcárcel, de Ourense, acolleu na mañá de onte a presentación do terceiro libro da colección As miñas primeiras Letras Galegas, nesta ocasión centrado na figura do escritor ourensán Carlos Casares -narrador homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano-.

O conxunto de títulos teñen como finalidade achegar a figura de diferentes autores aos que se lle dedicou o día grande da literatura galega aos máis cativos.

Pepe Carreiro, creador de Os Bolechas, emprega estes debuxos co fin de achegar dun xeito divertido á vez que didáctico a autores como Eduardo Pondal, Curros Enríquez ou Rosalía de Castro. Para iso, converte unha das obras de cada escritor nun entretido conto no que o lector vai descubrindo quen é o persoeiro homenaxeado ao tempo que goza dunha entretida aventura típica das personaxes creadas por Carreiro.

No caso de Carlos Casares, o título elixido para esta colección foi o conto A rapaza do circo, incluído no seu famoso libro Vento ferido. Unha historia de amor entre un neno galego e unha rapaza francesa trapecista que chega á vila onde se desenvolve a historia co seu circo.

A publicación, ademais, inclúe fragmentos orixinais da obra do autor ourensán explicados de forma sinxela ao final do volume. Tamén inclúe unha breve biografía de Casares, así como un repaso ás diferentes obras publicadas polo autor.

No proxecto colaboran tanto a Deputación de Ourense como a Xunta de Galicia, ademais doutros organismos como a Real Academia Galega.

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, agradeceu a confianza posta no goberno provincial á hora de levar a cabo esta iniciativa e eloxiou a figura de Casares: «Foi un dos grandes das nosas letras e durante este ano consagrouse a súa figura co fin de recuperar a súa memoria e lembrar a súas traxectoria. Hoxe damos un paso máis para seguir difundindo entre os máis novos a esencia de Carlos Casares e a súa obra».

Quixo destacar tamén que esta obra «servirá de vehículo para transmitir a aprendizaxe da lingua galega lembrando a un dos grandes das nosas letras», idea na que incidiu tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Ademais, destacou que a Deputación de Ourense está a traballar en colaboración con Edicións Bolanda no que será o Museo dos Bolechas, «unha instalación que relacionará a infancia e a nosa lingua».

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, quixo subliñar que este libro «é unha obra para os nenos, pero tamén para os pais e os profesores». Por outra banda, Freixanes quixo adiantar un proxecto que se materializará en decembro: a apertura dun museo dedicado a Casares e a súa vinculación co mundo do ferrocarril. O museo localizarase na vila de Xinzo de Limia, lugar onde o autor viviu a súa nenez.

Lara Bacelo, representante da fundación que leva o nome do escritor galego, tamén quixo subliñar o obxectivo final da literatura de Casares: «Quería que a súa escrita chegase a todas as idades e ser así un escritor tanto para nenos como para os maiores», subscribindo así as palabras do presidente da Real Academia.