É a guerra, é cine puro

miguel anxo fernández

CULTURA

En «Dunkerque», Christopher Nolan consegue meter ao espectador na guerra, sen artificios nin retóricas visuais nin concesións

24 jul 2017 . Actualizado ás 08:52 h.

Hai quen por enredar coloca a Nolan entre dous bandos, os nolanistas e os outros. Tampouco caiamos na trampa de buscarlle parentesco, porque cando hai talento ámase o cine e respéctase unha das regras áureas da ficción audiovisual, a de intentar sorprender ao espectador, aí hai un grande. Dunkerque confirma que aquel debutante en 1998 coa desconcertante Following -transcorridas dúas décadas, mantense felizmente can verde- e dous anos despois capaz dunha xoia como Memento (2000) é un tipo «cunha capacidade mental extraordinaria para crear ou inventar cousas novas e admirables», unha das dez acepcións da RAE para a palabra xenio. Iso é: unha película xenial. De propina, xénero bélico, actualmente veleno para o despacho de billetes por apoloxético da violencia, por simplista -mátase e destrúese-, por previsible e ata por misógino, cos personaxes femininos condenados ao tópico. A maiores, aquí xa sabemos como acaba: máis de 300.000 soldados aliados fuxiron das praias de Dunkerque grazas a unha insólita epopea salvadora.

Pero foi un drama bestial. O que fai Nolan é meternos na guerra, sen artificios nin retóricas visuais nin concesións. Spielberg no seu descomunal arranque de Salvar ao soldado Ryan (1998), cos soldados apertados nas barcazas flotando cara a un masacre, baliza o seu desembarco cun frenesí de sangue, lume e carne picada, pero Nolan opta por outra mirada. Aquí xa advirte do ton a secuencia inicial, con varios soldados británicos andando por unha inquietante rúa de Dunkerque, mentres ao seu redor voan pasquíns guindados pola Luftwaffe con fins desmoralizadores, para, de súpeto, ser aniquilados na súa case totalidade. Trátase de estar dentro e desde tres frontes: os excombatientes aglomerados na praia, agardando a un transporte que non chega; o ceo tomado polos combates entre Stukas alemáns e Spitfires británicos; e o mar, repartido entre os buques militares e as pequenas embarcacións privadas chegadas desde as costas de Gran Bretaña ao rescate dos asediados. Loado sexas, Nolan.

Ficha técnica

«DUNKIRK». EE. UU., 2017. Director: Christopher Nolan. Intérpretes: Fionn Whitehead, Damien Bonnard, Aneurin Barnard, Le Armstrong, James Bloor, Mark Rylance, Tom Hardy, Kenneth Branagh. Bélico. 107 minutos.