Lucía Pérez: «Nunca teño pesadelos»

CULTURA

Pinto & Chinto

A cantante do Incio séntese orgullosa do seu paso por Eurovisión e recoñece que foi «algo moi importante» tanto na súa vida persoal como profesional

30 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Atópome con Lucía Pérez (O Incio, 1985) nun hotel da Coruña. Pílloa xusto despois dunha sesión de gravación dun novo programa para TVG (Quérote tanto) pero non hai nin unha brizna de cansazo nesta rapaza miúda e vital que transmite espontaneidade e simpatía desde o primeiro minuto.

-Un imaxínase poucos sitios máis bonitos para vivir que O Incio.

-Bo, en realidade vivo entre O Incio e Oviedo, pero é verdade. Eu creo que a xente que nos criamos no pobo, nun ambiente rural, á parte de que é máis saudable, permíteche darche conta do valor dalgunhas cousas. Eu de pequena dicía que quería ser de cidade, pero agora sei que a cidade está ben para un intre; a min gústanme os pobos: che curten doutro xeito, coñeces aos teus veciños, impórtanche as súas cousas e a eles impórtanlle as túas. Compartir sempre é bonito. Por certo, poña que son de Goó, que logo me rifan porque nunca o digo.

-Que se ve desde a fiestra do seu cuarto?

-¡Uy! É un cadro difícil de explicar. Desde a fiestra do salón, que é a miña favorita, vexo o monte de Freixedo, cheo de carballlos e castiñeiros. No outono é o espectáculo máis grande ao que se poida asistir.

-De pequena xa cantaba?

-Si, ja, ja. Na igrexa, coa miña avoa. Nas festas subíanme ao escenario. Non se se era polo ben que o facía ou pola graza que tiña, o caso é que a min me gustou e á xente tamén. Empezou sendo o hobby dunha nena pero aos poucos se ha ir convertendo na miña profesión. E cada día que pasa síntome máis afortunada.

-Vostede é mestra Non chegou a exercer?

-Moi pouquiño. Eu estudei en Oviedo e dei alí algunhas clases en actividades extraescolares. Oxalá non teña que recorrer a esta outra parte da miña vida profesional, porque o meu é o escenario, o público, as maletas, viaxar e non hai voltas. Esas son as miñas vitaminas.

-Moita xente lémbraa polo seu paso por Eurovisión.

-Si, claro. Foi algo moi importante na miña vida persoal e profesional. Á fin e ao cabo son a única galega que representou a España en Eurovisión. E moi orgullosa de selo.

Foi unha experiencia brutal que moi poucos poden vivir. Talvez lamento non haber ir coa canción que me gustou, pero só podo contar cousas boas e positivas.

-Por que se nos dá tan mal? -Porque TVE o fai mal. Non poñen as ganas suficientes e isto ten que ser un equipo remando todos na mesma dirección. Estou contentísima polo triunfo de Portugal porque se foron abaixo todos os tópicos. Íñigo dicíame que non gañariamos ata que presentásemos unha canción en inglés. Pois mira, gañou unha en portugués, nada festivalera e dun país que non ten a outros que lle apoien.

-E que me di do galo do noso representante? Algunha vez tivo un pesadelo na que lle ocorría iso?

-Nunca teño pesadelos. Ás veces penso que debería pórme máis nerviosa do que en realidade me poño, pero seguro que non me querería ver nesa situación. Aínda que é algo que lle pode pasar a calquera.

-Que lle gusta facer?

-Viaxar. Pero a todo o mundo lle gusta non? Non son moi deportista, aínda que me gusta camiñar. Hai pouco estiven facendo o Camiño con Toñito de Poi e deime conta de que o mellor medio de transporte é camiñar e que todo é mental.

-Cociña?

-Si. E gústame. A miña especialidade son as lentellas.

-Destes,( Albert Rivera, Iván Ferreiro, Bertín Osborne, David Amor), a quen lle ensinaría o seu pobo?

-A Bertín Osborne, para que vexa as facendas e as casas boas que temos en Galicia, ja, ja.

-Que é o que máis valora nunha persoa?

-A sinceridade.

-E o que non soporta?

-Aos pesimistas.

-Ten algo postizo?.

-De cando en vez póñome cousas postizas. Dejémoslo aí.

-E para durmir, que se pon?

-No inverno, un pixama e ata calcetíns. No verán, camisón.

-Como se ve dentro de dez anos?

-Coa miña vida un pouco máis encarrilada. Gustaríame ter fillos. E oxalá poida seguir máis ou menos como agora, nos escenarios. Quero facerme vella nos escenarios.

-Dígame unha canción.

-Sete chorares, de Biscaíño, o meu irmán.

-O máis importante na vida é...

-Vivila intensamente. Cada segundo.