Disney anuncia a data de «Star Wars episodio IX» e atrasa o retorno de Indiana Jones

Efe

CULTURA

Gustavo Caballero | Afp

A produtora confirma que Colin Trevorrow e Steven Spielberg dirixirán as novas entregas das franquías

25 abr 2017 . Actualizado ás 22:55 h.

O estudo Disney confirmou nun comunicado que o capítulo IX da saga Star Wars chegará ás salas de cine o 24 de maio do 2019 e que a quinta entrega de Indiana Jones atrásase ata o 10 de xullo do 2020.

A novena entrega da franquía galáctica, que porá fin á terceira triloxía da saga, será dirixida por Colin Trevorrow (Jurassic World) e nela non aparecerá finalmente a actriz Carrie Fisher, falecida en decembro do ano pasado, segundo confirmou recentemente a presidenta de Lucasfilm, Kathleen Kennedy. «Tristemente, Carrie non estará no episodio IX (sen título aínda). Veremos unha chea de Carrie no episodio VIII (Os últimos Jedi) e iso é estupendo», dixo Kennedy en declaracións á cadea ABC durante a convención Star Wars Celebration de Orlando.

Estas declaracións descartaron que Fisher aparecese en pantalla no episodio IX, xa fóra con material previamente rodado ou a través dunha recreación dixital. Así mesmo, coa nova data asignada a Indiana Jones 5, esa cinta, dirixida por Steven Spielberg e protagonizada por Harrison Ford, chegará ás salas case un ano despois do previsto, xa que anteriormente se anunciou que se estrearía o 19 de xullo do 2019.

No seu lugar verá a luz a nova versión que prepara o estudo do seu clásico O rei león, esta vez con personaxes de carne e óso. Ademais, Disney confirmou tamén que a secuela de Frozen: o reino do xeo debutará nos cines en novembro do 2019.