Tendas de Marín poñen só música ambiental clásica para non pagar á SGAE

María Hermida
MARÍA HERMIDA PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Ramón Leiro

A agrupación de comerciantes aconsellou aos seus asociados recorrer a obras que pertencen ao dominio público

22 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Dado que a Sociedade Xeral de Autores (SGAE) contactou ultimamente, ben por carta, teléfono ou persoalmente, cun bo número de comercios de Marín presionándoos para cobrarlles pola música de ambiente que poñen nos seus locais, e que no centro urbano, duns 17.000 habitantes, todos os profesionais se coñecen e entre eles correu como a pólvora a noticia de que esta entidade estaba a insistir aos negocios coa súa taxa, a asociación Estrela de Marín (que aglutina a moitas tendas) tomou medidas. Reuniuse coa SGAE para abordar esta polémica e, paralelamente, contactou con varios letrados, que sinalaron diferentes alternativas para que as tendas que o desexen poidan ter música sen pagar a esta entidade de xestión de dereitos e, ao seu xuízo, sen ir contra a lei de propiedade intelectual. Que lles propuxeron? Entre outras cousas, pór só música clásica que sexa de dominio público.

O caso é que agora mesmo xa hai negocios en que só escoita nos seus locais ese tipo de obras. Contábao a dona dunha xoiería: «Tiñamos unha radio e puñamos distintas emisoras. Desde que empezaron coa carta e as chamadas continuas, porque che chaman a diario, só pomos música clásica de dominio público, é dicir, gratuíta, e pómola no computador, non no fío musical. Aínda así, sigo recibindo chamadas, é un tema do que estou totalmente farta».

Outros negocios optaron por unha alternativa distinta, a de baixar música a través de plataformas que só ofrecen melodías de autores que non pertencen á SGAE e que permiten o uso e acceso gratuíto ás súas composicións. Desde unha tenda de roupa que xa só utiliza pezas musicais que cumpran este requisito, a propietaria sinalaba: «Optamos por este método porque non estamos dispostos a pagar. Eu mesmo me tiven que encarar coa persoa da SGAE que veu aquí, porque me dixo que me lucraba coa música ambiental. Eu vendo roupa, non lle cobro á xente por probarse unha peza escoitando tal canción». Os comerciantes de Marín tamén colgaron adhesivos de protesta indicando que rexeitan reproducir obras de autores adscritos á SGAE ou tamén a Agedi (asociación de xestión dos dereitos dos produtores fonográficos).

A SGAE advertiu onte de que non toda a música clásica está dentro do dominio público.