Un musicólogo español descobre a primeira sonata de Vivaldi nunha biblioteca de Holanda

d. m. A Haia / EFE

CULTURA

O achado de Javier Lupiáñez guinda luz sobre os anos do xenio italiano como estudante antes de que se fixese mundialmente coñecido

25 sep 2016 . Actualizado ás 10:11 h.

O violinista e musicólogo español afincado en Holanda Javier Lupiáñez descubriu a primeira obra coñecida de Antonio Vivaldi nunha biblioteca da cidade alemá de Dresde, achado que guinda luz sobre os anos do xenio italiano como estudante antes de que se fixese mundialmente coñecido.

Todo comezou en 2014, cando Lupiáñez preparaba un programa para o seu grupo baseado en pezas sen autor coñecido. «Púxenme a ler obras do arquivo de Dresde, que está dixitalizado. Puidemos ler como 72 sonatas anónimas», explica.

Nunha clase co seu profesor ambos discutiron a posibilidade de que unha das obras fóra de Antonio Vivaldi. O musicólogo decidiu nese momento cambiar a tese do seu máster, que preparaba no Conservatorio da Haia, en Holanda. Púxose como obxectivo investigar se esa sonata e outra do mesmo arquivo foran escritas polo compositor italiano. «Tiñamos que comprobar a fonte en si. A partitura ten unha marca de auga que, se se pon a trasluz, vese quen é o fabricante e de onde vén o papel», indica Lupiáñez. A obra RV 820 viña da cidade alemá de Ansbach, onde viviu un dos profesores de Vivaldi, Giuseppe Torelli. Vivaldi compuxo esta obra aproximadamente no ano 1700, aos 23 anos.