González Tosar representará a Galicia ante a Academia Argentina de Letras

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

O escritor e poeta nado en Buenos Aires e residente en Galicia desde 1969 conta cunha contrastada obra en lingua galega

10 oct 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Na sesión plenaria da Academia Argentina de Letras, celebrada onte na súa sede de Buenos Aires, acordouse por unanimidade designar a Luís González Tosar como académico correspondente. O escritor e poeta nado en Buenos Aires (1952) nun humilde fogar emigrante, residente en Galicia desde 1969, conta cunha contrastada obra en lingua galega e unha longa traxectoria de activismo cultural, na actualidade presidente do Centro PEN-Galicia, impulsor da Fundación Ínsua dos Poetas e colaborador de La Voz de Galicia, integrará a nómina de académicos residentes no estranxeiro.

Co nomeamento de Tosar, que representará a Galicia, a corporación pretende potenciar os seus vencellos con Galicia, a súa lingua e cultura.

Na acta consta que «nadie mejor para representar a Galicia en nuestra Academia que González Tosar, ciudadano argentino, estudioso y buen conocedor de nuestra literatura, destacado poeta en lengua gallega e investigador interesado en figuras tan importantes para nosotros como Francisco Luis Bernárdez, González Carbalho y otros grandes escritores argentinos».