Valos por onde vaias

Toni Silva SADA / LA VOZ

SADA

O carril bici e a peonalización de varias rúas multiplicou as barreiras polo núcleo de Sada

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha eclosión amarela alaga Sada. No centro urbano da vila mariñeira costa camiñar sen toparse cunha destes valos metálicos ou outras de cor aluminio coa icona do Concello. Ou con esas cintas bailadas polo vento para impedir o paso sobre o céspede de todo o paseo marítimo. Tamén as hai colchoneiras (brancas e vermellas) na porta principal do campo de fútbol. As obras hanse multiplicado no municipio. Especialmente vistosa é a do carril bici que se debuxa paralela ao litoral urbano. «Hai que ser comprensivos, o importante é que o tráfico non se ve moi afectado», di un paseante xunto á Casa de Cultura Pintor Lloréns.

Aínda que algo de lea se agarda para hoxe con motivo do feirón. Especialmente porque as obras reduciron o espazo do aparcadoiro. E nalgúns casos, de forma definitiva. Que llo digan aos comerciantes da primeira Travesía da rúa da Obra. Nos seus negocios asoman carteis de queixa contra o Concello por peonalizar. Agora hai valos en varios puntos da rúa para acabar de asentar o último pavimento colocado. «Pero os coches xa non poderán aparcar - quéixase Mercedes , responsable dunha das tendas da estreita vía-; recollemos máis de 500 firmas, xa as presentamos, e seis cartas de protesta, tamén á Deputación». O concelleiro de Obras, Miguel Tenreiro, desmárcase da polémica. «Eu expliqueille aos que viñeron falar comigo en que ía consistir a obra», indicou. O Concello xa fixera público no 2015 a peonalización da vía con cargo a fondos provinciais. Os valos reprodúcense ante a oficina de Correos e noutro punto a apenas uns vinte metros de alí. Tamén xunto á capela de San Roque. E xunto á popular Terraza de Sada, os valos dividen o espazo entre o aparcadoiro público e o dos taxistas. A poucos metros, o restaurante Náutico espera, entre valos, o día da súa derriba.