O Concello de Sada evita o pagamento de 6 millóns a unha promotora

La Voz SADA / LA VOZ

SADA

A empresa litigó por unha licenza que lle anularon en Meirás

08 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación presentado pola promotora Ánfora Azul, que reclamaba ao Concello de Sada o pagamento dunha indemnización de seis millóns de euros pola anulación dunha licenza de obras no ano 2012 relativa a 24 chalés en Meirás. A decisión confirma a sentenza de xuño do 2016 que xa ditara o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 da Coruña eximindo ao Concello de Sada deste pagamento.

Desde o goberno local lembraron que Ánfora Azul reclamaba os seis millóns de euros desagregados da seguinte forma: 433.153 euros de indemnización polos resultados negativos da promoción; outros 322.058 euros polos gastos despois das vendas; 32.381 euros polo incremento dos custos; case 2,6 millóns polo lucro cesante (perda de beneficios); 621.909 euros polo custo de oportunidade; e 35.587 euros polos intereses que a empresa pagaba por un crédito hipotecario para facer fronte á promoción. Tamén os intereses xudiciais desde a data da sentenza, aplicados sobre a cantidade de 2,6 millóns ata o seu efectivo pagamento.

Indicaron que a reclamación da promotora fundamentábase na previa anulación xudicial da licenza de obras, outorgada á empresa no ano 2005, para unha urbanización de 24 vivendas (catro bloques de seis chalés encostados) en chan de núcleo rural de Meirás. A licenza, segundo engaden desde o Concello, fora recorrida no seu momento tanto polo BNG como pola Xunta, e que o xulgado en primeira instancia como o TSXG declararon nula «por infracción clara dá normativa urbanística de aplicación».

Núcleo rural

Desde o goberno municipal mostraron a súa satisfacción pola resolución xudicial «que confirma a responsabilidade da promotora, xa que a actuación da mesma foi, segundo a sentencia, a sabendas dos riscos nos que incorría ao elaborar e presentar un proxecto que non se adecuaba á natureza e a clasificación do solo de núcleo rural no que se edificou».