Xacarandaina envórcase coa Cruz Vermella na súa tradicional cita de Nadal

La Voz

SADA

Cesar Quia

07 dic 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Luns 26 • Ágoras • 18.30 horas • Converteuse xa nunha tradición da época do Nadal que a Asociación Cultural Xacarandaina xunte a todos os seus integrantes nunha gran gala no que os bailes e os sons da pandereita e a gaita transfórmanse en materiais de primeira necesidade para os máis necesitados a través de Cruz Vermella.

Este ano, este festival solidario celebrarase o día 26, o luns inmediatamente posterior a Nadal, no Ágora a partir das 18.30 horas. Alí actuarán os grupos infantís e xuvenís de baile, pandereita e gaita da asociación nun espectáculo que culminará coa entonación dunha panxoliña por parte de todos. Por se queren ir practicando, que saiban que o tema seleccionado é Toca ou pandeiro Manuel. Para que ninguén se escuse de participar por descoñecer a letra da panxoliña.

Pero ademais dos grupos pertencentes a Xacarandaina, compostos por alumnos con idades comprendidas entre os 3 e os 18 anos, o festival vai contar coa participación desinteresada dun grupo invitado, que este ano será o Grupo Queiroa de Mondego-Sada, que se une á celebración para achegar o seu granito de area a esta iniciativa solidaria coa súa actuación.

A entrada para este evento consiste na entrega de comida envasada para bebés, produtos de hixiene infantil como cueiros, toallitas húmidas, xeles e cremas, que son os produtos de primeira necesidade que máis falta fan, segundo contan desde Cruz Vermella. Estas doazóns iranse recollendo á entrada do Ágora desde as 18.00 horas do propio luns para ser entregadas logo á entidade benéfica. Na iniciativa colaboran tamén Gadis e Cabreiroá co obxectivo de axudar ao persoal de Cruz Vermella nunhas datas tan especiais.

Os interesados en apoiar esta iniciativa poden pórse en contacto coa asociación a través do 981 277 315 ou en info\xacarandaina.com.